Interior debe explicar por que mostrar simboloxia nacionalista galega provoca a actuación policial

O BNG demanda que o Ministerio do Interior explique no Congreso as razóns que levan a Policía Nacional a identificar a persoas polo mero feito de portar simboloxía nacionalista galega, -como a bandeira galega coa estrela-, durante as etapas da volta ciclista ao seu paso por A Coruña e outras localidades do país.

Igualmente, o Bloque presentará unha queixa ante o Valedor do Pobo por unha actitude que considera persecutoria das forzas de seguridade do Estado contra quen porta simboloxía do país, que xa se ten producido noutros acontecementos deportivos.

“Parece que para o Ministerio do Interior ser nacionalista galego é ser un elemento perigoso, mentres quedan eximidos de toda sospeita quen fai gala de simboloxía española”, alega a deputada Rosana Pérez na iniciativa presentada na Cámara baixa.

Esta reiteración, leva ao Bloque a preguntar ao Goberno central se existe algún tipo de orde procedente da Delegación do Goberno en Galiza aos axentes de policía, para que leven a cabo controis especiais a quen decida mostrar bandeiras galegas nacionalistas, mentres que non se practica ningún tipo de identificación a quen porta simboloxía española.

“A actuación das forzas de seguridade do Estado segue unhas pautas discriminatorias, unha dobre vara de medir que insiste na criminalización e na persecución do nacionalismo galego, mentres enxalza o nacionalismo español”, alega Pérez, quen considera que estamos “ante un claro exemplo de ataque ao dereito á liberdade de expresión. Non hai argumento legal que xustifique este tipo de identificacións policiais, máis propias dun estado predemocrático”.

O Bloque tamén denuncia a actitude do delegado do goberno en Galiza, “que se deixa conducir por unha obsesión enfermiza que lle leva a criminalizar ao nacionalismo galego e aos movementos independentistas”. O BNG teme que ese “rexeitamento visceral” estea detrás de moitas das actuacións policiais, como as identificacións polo mero feito de exhibir simboloxía galega nacionalista en eventos deportivos.

Neste sentido, o Bloque quere que Interior aclare se pensa esixir algún tipo de explicación ao delegado do goberno en Galiza polo que constitúe unha vulneración dun dereito constitucional, que aclare se considera legal criminalizar ao nacionalismo galego e cal é a lexislación na que se basea para perseguir a simboloxía nacionalista galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG