Alcaldes e alcaldesas do BNG piden a retirada do taxazo de Sogama, xustificado con contas falsas

ALCALDES BNG CONTRA TAXAZO SOGAMA 1

 O Goberno da Xunta xustificou o incremento do 34% no canon de Sogama para compensar as perdas de 4 millóns de euros da empresa, números roxos que finalmente quedaron reducidos a 600.000 €, o que leva aos alcaldes e alcaldesas do Bloque a solicitar a inmediata retirada do taxazo e a devolución dun diñeiro “roubado” en base a unha contabilidade “falsa”.

“As contas de Sogama son falsas, unha mentira”, denunciou o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, “quen se equivoca nun 85% na previsión orzamentaria ou é un incapaz ou minte”, argumentou, “pero o que non pode ser e que se engane a xente e non pase nada, que se falsifiquen as contas e non pase nada”.ALCALDES BNG CONTRA TAXAZO SOGAMA 2

En consecuencia, os rexedores nacionalistas piden a retirada inmediata do incremento do canon e a devolución do diñeiro “roubado ilegalmente aos veciños e veciñas”, que cifran en 80.000 euros anuais de sobrecuste por cada 10.000 habitantes. A modo de exemplo, o taxazo supón para Monforte un incremento de 150.000 euros na factura de recollida de lixo, 260.000 euros para Carballo ou 80.000 euros para Ribadeo.

“Cando alguén ten a razón hai que darlla”, recalcou Rodríguez, quen desestimou calquera alternativa que non sexa a retirada do taxazo. “Revisar que? O que teñen que facer é devolver o diñeiro, que é dos cidadáns e dos concellos non da Xunta”.

Neste sentido, o BNG xa ten solicitado a reunión urxente da Comisión de Residuos da FEGAMP, “que ten que actuar con contundencia en defensa dos concellos” en lugar de seguir o paso que lle marcan desde a Xunta.

Os rexedores nacionalistas non descartan a vía xudicial para acadar un dobre obxectivo: retirada do taxazo e devolución dun sobreprezo xustificado nunha contabilidade falsa. “O señor Feijóo debería contestar que opinión lle merece unha empresa que fai unha previsión na que se equivoca nun 85%”, interpelou o alcalde monfortino, quen asegurou que seguirán “chamando a porta, aínda que Feijóo se empeñe en pechala”.

O BNG volverá a levar este asunto ao Parlamento para esixir responsabilidades políticas. “Pedimos o cese do presidente de Sogama pola súa actuación neglixente e falsaria, que agocha a intención de facer caixa a costa dos concellos e da cidadanía”, denunciou a deputada nacionalista, Ana Pontón.

Pontón insistiu en que se trata dun modelo “fracasado e insostible desde o punto de vista económico e ambiental”, e subliñou que os concellos gobernados polo BNG están traballando en modelos alternativos como xa fixo Rianxo, abandonando Sogama para ir a planta de reciclaxe de Lausame, ou Allariz que vai pór en marcha un sistema de recollida de lixo porta a porta.

Na comparecencia de prensa estiveron presentes os alcaldes de Ribadeo, Fernando Suárez, San Sadurniño, Secundino García, Monforte, Severino Rodríguez, e Carballo, Evencio Ferrero, así como a deputada Ana Pontón e a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartin.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG