Rosana Pérez pide a Fomento descontos do 50% nas peaxes da AP-9 para transportistas

DSC_0563A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou na Cámara unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para instar ao Ministerio de Fomento a autorizar a aplicación dun desconto do 50% sobre a peaxe aplicado aos vehículos pesados que fagan percorridos parciais ou totais pola AP-9.

Rosana Pérez reprocha á Ministra de Fomento que obvie sempre a custosísima AP-9 á hora de acordar bonificacións deste tipo que, neste caso, resultan moi beneficiosas para o sector do transporte. “Fomento, através da Delegación do Goberno nas Sociedades Concesionarias de Autoestradas Nacionais de Peaxe, acaba de autorizar descontos do 50% sobre a peaxe a transportistas que circulen pola AP-7, Tarragona-Valencia”.

Por que sempre se exclúe a AP-9 de bonificacións ou descontos?

“Desde o BNG non podemos deixar de preguntarnos cómo é posíbel que sempre se exclúa a AP-9 de iniciativas tan positivas como a comentada”, especialmente, remarca a deputada nacionalista, “cando o Ministerio é coñecedor dos graves problemas que a concesionaria AUDASA provocou a miles de conductores no verán pasado”.

Rosana Pérez critica que “ante unha situación tan vergoñenta, Fomento se limitase a abrirlle un expediente á AUDASA e a requerirlle un reforzo nas cabinas de pago”, máis non lle retirou a concesión “a unha empresa que cada vez oferece un servizo pior”.

Lembra Pérez que son moitas as ocasións nas que o BNG pediu a Fomento que exixira un programa descontos a AUDASA “pero nin siquera o xestionou”.

Advirte a parlamentar do BNG que a decisión de Fomento soliviantou ao sector do transporte na Galiza que leva tempo reclamando descontos na AP-9 aos vehículos pesados, co obxectivo de reducir o tráfico pesado das estradas convencionais como a N-550. Ademáis, unha medida así para a AP-9 permitiría mellorar a seguridade vial.

Asemade, lembra que a única medida adoptada para a Autoestrada do Atlántico que “sempre é motivo de presunción por parte da Ministra, é a gratuidade do tramo Pontevedra-Vigo, non se aplica ao sector do transporte”. Defende Rosana Pérez que este sector se beneficie dos mesmos descontos que o Ministerio aprobou para outras autoestradas do estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG