Aprobada "por unanimidade" a proposta do BNG para decentralizar a xestión de Navantia

Carme Adán defendeu unha proposta para demandar do Goberno do Estado “ unha xestión descentralizadora” de Navantia Ferrol que dote de autonomía empresarial a Ría de Ferrol e faga efectivo o compromiso da Xunta para impulsar o Sector naval a través da participación no consello de Administración desta sociedade

Carme Adán

A portavoz de industria do BNG, Carme Adán acadou hoxe o apoio unánime da Cámara galega á iniciativa nacionalista para que o Parlamento galego inste ao Goberno de Galiza a demandar do Goberno do Estado “unha xestión descentralizada de Navantia-Ferrol, que dote de autonomía empresarial a Ría de Ferrol e facer efectivo o compromiso da Xunta de impulsar o sector naval a través da participación no consello de administración de Navantia que debe supor a implicación do Goberno galego cara investimentos e financiamento da industria do naval.

Na defensa da proposta, Adán censurou o “traspaso da xestión de Navantia ao Ministerio de Defensa” alertando que a medida pode supor “en poucos meses” o peche da construción civil e explicou que cando Feijóo afirma que Navantia ten que ir preparándose para o novo escenario e que a súa política comercial debe ampliarse a sectores do petróleo, mercante gasístico e non só a buques militares non sabemos “se é mala fe, cinismo político ou tomadura de pelo” se foi tomada a decisión de que a construción civil en Navantia non exista. Neste sentido, demandou do Goberno galego que “non deixe esmorecer a área de reparacións”.

A parlamentaria, tras cualificar de “expediente X” o dique flotante, reiterou o apoio do BNG a súa construción e lamentou que os intereses de Europa “colidan cos intereses de Galiza” por potenciar estaleiros europeos e pechar os galegos.

Carme Adán na Comisión de Industria

Na súa intervención tamén preguntou que vai pasar en xaneiro do 2015 cando finalice o veto á construción civil e cál vai ser a folla de ruta do Partido popular para o futuro de Navantia.

As apostas de futuro pasan, afirmou pola descentralización da xestión de Navantia-Ferrol, participación da Xunta de Galiza no consello de administración e a construción do dique flotante para paliar as carencias na construción de grandes buques. O problema, afirmou, reside “na vontade política” para que exista a construción civil en Ferrol e só a dereita, en Galiza, Madrid e Europa pode “reverter esta situación”.

Finalmente a iniciativa do BNG foi aprobada “por unanimidade” na comisión de Industria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG