Adán: “ Existen problemas de cobertura en Galiza aínda que o Goberno o negue”

Carme Adán

A deputada criticou a propaganda da Xunta fronte “á baixa calidade” do servizo @s usuari@s, a destrución de postos de traballo e a precarización das condicións laborais no sector

Carme Adán na Comisión de Industria

A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe, na comisión de Industria e Enerxía, unha Proposición non de lei encamiñada a instar ao Goberno galego a “ eliminar a fenda dixital en Galiza, manter os servizos e prestacións de telecomunicacións en todo o territorio galego, manter o emprego dos operadores e obrigar aos operadores de telecomunicacións a cumprir a lei, no que atinxe á Normalización Lingüística de Galiza”.

Na súa intervención, Adán lembrou que “no medio rural galego persisten as dificultades de cobertura” ao igual que sucede, dixo, “se viaxas en tren e tentas conectarte para traballar co ordenador” polo que rexeitou as afirmacións do Partido popular cando asegura que en Galiza “temos unha cobertura do cen por cen”.

Por outra parte, aludiu ao convenio asinado entre a Xunta de Galiza e Telefónica que aseguraba o aumento de 500 empregos cando en realidade, dixo, existen “ só 492 e non 900”. Adán tamén criticou a falta de compromiso de Telefónica con Galiza e denunciou que os operadores “seguen tomándonos o pelo, existe a fenda dixital e ademais non cumpre coa lei de Normalización lingüística ”.

Carme Adán

Na súa opinión, “as telecomunicación en Galiza deixan moito que desexar, tanto en emprego como en servizos. A nacionalista anunciou que o BNG seguirá presentando propostas parlamentarias para mellorar esta situación.

Asemade, preguntou se a Xunta de Galiza tiña recorrido a Lei estatal que claramente comete “inxerencia nas competencias galegas”. A nacionalista non obtivo resposta polo que retou ao grupo do Partido popular a abrir un debate sobre esta cuestión.

A proposta nacionalista foi finalmente rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG