O BNG acusa á Xunta de incumprir a lei en materia de Emerxencias

Tereixa Paz reclamou, a través dunha Proposición non de lei,  medidas urxentes contra a privatización de diversos parques de bombeiros de Galiza

Tereixa Paz

A deputada do BNG defendeu unha Proposición non de lei, na comisión de Administracións públicas co fin de instar á Xunta a realizar unha auditoría exhaustiva para determinar o “grao de cumprimento” das condicións da concesión e prestación de servizos e obrigas cos traballadores das empresas concesionarias dos parques de bombeiros en Galiza.

Asemade reclamou iniciar os tramites oportunos “para o rescate” coa prestación do servizo desde o ámbito público. .

Tereixa Paz agradeceu o apoio dos grupos socialista e AGE á iniciativa nacionalista e lamentou que, unha vez máis, o Goberno galego dea as costas aos traballadores/as e aos intereses da cidadanía de recibir un “servizo de calidade”.

Hoxe non estamos a falar de loita contra os incendios, falamos de emerxencias incluídas dentro dos parques comarcais e xa vai sendo hora, dixo, de facer “unha lectura correcta da lei” no Parlamento porque a propia lei habilítaos para manter privatizados os servizos pero “non os obriga” a facelo.

A nacionalista botou man da propia lei para demostrar que o Goberno galego está a incumprir no que atinxe a “homoxeneizar, nun prazo de tres anos, as condicións de traballo en todo o territorio de Galiza en todos os servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento”, alguén lle soa, ironizou que isto este feito? e engadiu outro punto da lei referido á obriga da Xunta de Galiza, nun prazo de seis meses, a elaborar un Plan director dos servizos contra incendios e impulsar os consorcio provinciais.

O BNG reitera a súa aposta pola prestación “pública” deste servizo como única forma de garantir a igualdade de toda a cidadanía, a calidade e coordinación do dispositivo e “que os cartos que destinamos a emerxencias no acaben engordando os petos das empresas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG