O BNG denuncia o "desleixo" da Consellería do Mar ante a alta mortaldade do berberecho

O deputado do BNG, Daniel Rodas critica “a ausencia” da Consellería do Mar e reclama medidas urxentes ante un problema que obriga ás mariscadoras a reducir as cotas de 5 quilos a 2 quilos e o modelo de depuración do marisco extraído das zonas C, que pasan pola batea de Aldán, tampouco contribúe para mellorar a situación

Daniel Rodas (Imaxe de arquivo)

O portavoz de Pesca do BNG, Daniel Rodas leva ao Parlamento o grave problema detectado na Ría de Pontevedra que está a provocar unha alta mortaldade do berberecho e obriga ás mariscadoras a reducir as cotas da especie.

 O deputado insta á Consellaría de Medio Rural e Mar a informar sobre as causas e a liña de investigación que ven desenvolvendo dende o ano 2012 a través de diversos ensaios, xa que polo momento, asegura o nacionalista, “non ofreceu ningunha explicación sobre as conclusións dos ensaios nin adoptou medidas para resolver a situación”.

As bateas de depuración, explica Rodas, foron anunciadas como a solución a moitos bancos marisqueiros localizados en zona C, contribuíndo a mellorar os ingresos das mariscadoras en máis de 4,3 millóns de euros anuais e con capacidade de depuración superior a 450 toneladas ano. No caso de Aldán, afirma “hai indicios claros que constan unha realidade contraria á propaganda da Xunta”. O tempo inoperante das bateas depuradoras, “non está a mellorar o prezo de venda do marisco”.

O BNG, demanda no Parlamento galego que a Consellaría de Medio Rural e Mar asuma a súa “responsabilidade” e informe verazmente das causas que producen a alta mortaldade do berberecho. O nacionalista reclama transparencia na información e solucións urxentes contra este problema.

Asemade, reitera a necesidade de adoptar medidas para o marisco extraído das zonas C, apostando por un novo modelo que non obrigue a permanentes peches administrativos combatendo a mortaldade desta especie. O deputado remarca que o berberecho está rexistrando unha importante depreciación no prezo cando volve a poxa provocando graves consecuencias e caída das rendas das mariscadoras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG