O BNG inicia xestións na busca dunha solución para a flota galega que faena en Cabo verde

O BNG reclamará ante a Comisión europea e o Goberno español “unha prorroga” do acordo de pesca para impedir que outras flotas, “que no cumpren os requisitos”, faenen na zona

O sector trasladou ás representantes nacionalistas as “negativas consecuencias” da expiración do Protocolo de Pesca Unión Europea- Cabo Verde que remata o 31 de agosto e amosaron a súa queixa por non ter recibido ningunha información do Goberno español e da Comisión Europea negociadora. O acordo pesqueiro tivo varias roldas de negociación entre ambas partes, máis dende o mes de maio está parado por falla de entendemento.

Olaia Fernández e Ana Miranda na reunión coa Asociación de Espadeiros guardeses

Ante esta situación, as nacionalistas comprometéronse a iniciar xestións ante o Congreso dos deputados e a Comisión europea ao fin de acadar “unha prorroga” do acordo e impedir que outras flotas como a chinesa ou americana, que non cumpren os requisitos, “mediomabientais e laborais” podan faenar .

O BNG xa presentou unha iniciativa no Congreso e dirixiuse hoxe mesmo aos responsables directos da negociación na Comisión Europea "para reclamar información e pedir unha solución aos barcos galegos que van ter que abandonar as augas de Cabo Verde o vindeiro 31 de agosto" ,afirmou Ana Miranda.

A portavoz do BNG en Europa recalcou que o acordo de pesca resulta “estratéxico” para a flota galega que faena nas augas interiores de Cabo Verde, país que tamén se ve favorecido por esta actividade e acordo.

Pola súa parte, a deputada no Congreso Olaia Fernández denunciou o “desleixo” do Goberno español e a inacción en defensa do sector e anunciou a presentación de iniciativas parlamentares en Madrid co fin de buscar unha solución urxente.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG