O PP intenta rendibilizar os recortes buscando o apoio de Merkel para ocupar altos cargos na UE

Os próximos días 24 e 25 de agosto está anunciada a visita a Galiza da chanceleresa alemá Angela Merkel. Segundo anunciou o portavoz do goberno alemán, o obxecto da visita é percorrer un tramo do Camiño de Santiago e recibir ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. Prevese que no encontro se traten diversos temas bilaterais, relacionados co Consello Europeo de Bruxelas que se celebrará a finais de agosto, no que as elites europeas e os seus socios da periferia repartirán os cargos da UE.

Merkel, campioa dos intereses da banca e dos recortes sociais

O BNG quere chamar a atención dos galegos e galegas sobre o papel que ten xogado a política alemá en relación ás decisións tomadas pola Unión Europea e a Troika, aproveitando a conxuntura creada pola crise económica que padecemos desde 2007. Foi a chanceleresa Merkel a principal impulsora da reforma concretada no agora famoso artigo 135 da Constitución Española, que da o máximo rango ao principio de estabilidade orzamentaria. Mediante este artigo asegúrase o pagamento da débeda por riba da atención ao desenvolvemento económico e social dos pobos do estado e serve de última xustificación á política de recortes. PP e PSOE aprobaron esta reforma rápida da Constitución Española o 23 de agosto de 2011, baixo o ditado de Merkel e das presións dos mercados, cuxos intereses representa a chanceleresa en Alemaña e Europa.

Foto CIGDurante os últimos anos, Angela Merkel, de novo coa complicidade entusiasta do PP no estado español, foi a principal impulsora da axenda de "reformas" da UE e dos compromisos aos que tiveron que chegar os estados da periferia europea para ver financiados os seus déficits, nos que incorreron para salvar o sector financeiro que provocou a crise en 2007. Estas medidas concretáronse no plan de rescate encuberto que subscribiu o goberno español e mais no Pacto polo Euro, que consagra os principios do goberno neoliberal: competitividade, entendida como estratexia para rebaixar os salarios, medidas polo emprego que sempre se substancian en reformas laborais para aumentar a facilidade do despedimento e asegurar a coacción sobre os traballadores e sustentabilidade das finanzas públicas, isto é, receitas para recortar dereitos sociais e privatizar os servizos públicos.

Os intereses do PP por riba do desenvolvemento económico e social de Galiza

No caso galego, a estas medidas de carácter xeral, súmase a súa responsabilidade, en conivencia co goberno español, no deseño das políticas económicas da Unión Europea que condenan á periferia á pobreza e á emigración. A recente decisión da Comisión, en relación ao dique flotante de Ferrol e á posibilidade de desenvolver unha actividade industrial centrada na recuperación do sector naval, ilustra dun xeito dramático a realidade desta ameza e os efectos devastadores que para o emprego e o benestar do noso pais teñen as políticas que deseña a elite europea, da que Merkel é a mais poderosa representante.

navalA finais deste mes de agosto, Merkel visita Galiza para gozar do país e tratar co presidente do goberno español o reparto de cargos na nova Comisión, que é preciso renovar despois das eleccións europeas. Da axenda de reunións entre os representantes españois e Merkel só transcenderon como obxectivos prácticos as aspiracións do PP de colocar a Luis de Guindos como presidente do Eurogrupo e a Miguel Ángel Cañete como comisario. Aparentemente o único interese do PP é conseguir réditos da súa submisión colocando entre a elite institucional europea a algúns dos seus, mentres a nosa sociedade sofre os recortes e se impide o desenvolvemento propio das nacións.

O BNG fai un chamamento a todos os galegos e galegas para que mostren a súa desconformidade coas políticas de desmantelamento e empobrecemento do noso país e cos recortes sociais que representan Merkel e Rajoy, aproveitando a visita da chanceleresa á Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG