Davila pide a Tejerina presións ante a UE para manter o Acordo de Pesca con Cabo Verde

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que realice xestións ante a UE para presionar coas negociacións sobre a necesaria renovación do Acordo de Pesca UE-Cabo Verde.

A parlamentar do BNG apremia á Ministra sobre este tema de grande importanza para a frota pesqueira debido ás cada vez máis limitadas posibilidades de pesca, e porque o Acordo Pesqueiro expira xa o 31 de agosto.

Davila quer saber en que estado se atopan as negociacións entre a UE e Cabo Verde, que información posúe o Goberno e que expectativas existen para a renovación do Convenio Pesqueiro.

Critica a deputada do BNG a falla de información que está a levar a inquedanza ao sector pesqueiro que faena en augas de Cabo Verde como son os 26 barcos galegos da frota de palangre de superficie. “O feito de que non detecten ningún movemento nin negociacións entre a UE e o pais africano é motivo de preocupación entre os mariñeiros”.

O Convenio expira o 31 de agosto e a frota non ten información

A deputada do BNG sinala que a estas alturas do mes de agosto, “descoñecer se a nosa frota que faena alí vai poder pescar de novo en Cabo Verde a partir de setembro é preocupante posto que as empresas pesqueiras vense obstaculizadas para programar e planificar a súa próxima actividade”.

Pón de manifesto que o porto de Mindelo en Cabo Verde é unha destacada base para os barcos que se adican á pesca de peixe espada e quenlla, lugar onde descargan as capturas e teñen a loxística. Salienta Davila que ao albur do Convenio de Pesca con Cabo Verde, traballan 66 buques da UE, dos cais 49 son do estado español, e hai 26 palangreiros de superficie galegos. Sen esquecer que nas tripulacións de barcos atuneiros e cerqueiros hai mariñeiros galegos.

Olaia Fernández Davila subliña que un dos puntos de discordia entre a UE e Cabo Verde “é o feito de que o pais africano quer limitar as posibilidades de pesca de quenlla a un máximo de 2.000 toneladas, a pesar dos informes científicos do Iccat, o órgao internacional que xestiona as pesquerías e que regula as dúas especies que alí se capturan: quenlla e marraxo.

A deputada do BNG pide xestións á Ministra ante a UE porque “este acordo de pesca é vital para os palangreiros galegos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG