Davila demanda ao Goberno que anule a orde que recurta a xubilación anticipada aos 61 anos

DSC_0668A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia do Secretario de Estado de Seguridade Social para que acuda á Cámara a explicar por que razón o Ministerio modificou, através de dúas circulares, os criterios para acceder á xubilación anticipada aos 61 anos para aqueles casos que se acolleron ao Convenio Especial, e que agora se lles obriga a agardar até os 63 anos.

Davila alude á iniciativa adoptada polo Ministerio de Emprego en pleno período estival, decidindo modificar mediante dúas circulares, a normativa que permitía que persoas paradas maiores de 55 anos puidesen acollerse á xubilación anticipada aos 61 anos mediante a subscripción dun Convenio Especial.

Explica a deputada do BNG que un numeroso colectivo de persoas nesa situación está atravesando momentos moi duros economicamente e contaban con poder xubilarse anticipadamente aos 61 anos. Persoas que cumpren cos requisitos exixidos de ter perdido o posto de traballo antes de abril de 2013, ter máis de 55 anos e non estar dado de alta en ningún réxime da Seguridade Social, e que subscribiron un Convenio Especial que lles permitiu seguer cotizando para poder acceder a unha pensión futura digna á idade de 61 anos.

O Ministerio actúa de “xeito oscurantista”

Máis, sinala Davila, desde xuño deste ano se atoparon cun cambio normativo que lles deixa en moi mala situación. “Unha circular interna modificou o criterio de aplicación da norma até agora vixente, anterior á reforma das pensións de 2011, a pesar de que existe un período transitorio até 2019. Coa reforma de 2011 hai que lembrar que se retrasou a idade de xubilación anticipada até os 63 anos”.

Olaia Fernández Davila demanda nunha iniciativa parlamentar ao Ministerio que rectifique e dea marcha atrás no cambio de normativa, e anule as circulares de xuño e agosto, de xeito que as persoas de Convenios Especiais poidan seguer acolléndose á xubilación anticipada aos 61 anos.

Denuncia a deputada do BNG q ue “moitas persoas que levan desde os 55 anos pasando polo calvario do desemprego, coa expectativa de acceder á xubilación anticipada aos 61 anos e cumprindo os requisitos exixidos, agora se atopan nunha situación de grande inquedanza”.

A deputada nacionalista considera “censurábel o xeito de proceder do Ministerio que de forma nada transparente acorda unha circular interna en plena tempada estival. Un comportamento que delata o oscurantismo co que se actúa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG