O BNG denunciará en Europa as descargas de carbón, “a ceo aberto” no porto de A Coruña

Ana Miranda asegura que as descargas de carbón e graneis afectan á saúde das persoas e deterioran os edificios pola emisión de partículas sen control

Descargas de carbón a ceo aberto no porto

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda presentará unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre o incumprimento no control das descargas no porto de A Coruña.

Tras manter unha xuntanza coa directiva da Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros, na que tamén participou a concelleira do BNG, María Xosé Bravo, Miranda anunciou que fará efectiva a denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre o problema de control das descargas de carbón e graneis, “a ceo aberto” no Porto de A Coruña.

A nacionalista manifestou que as descargas de sustancias e produtos constitúen “un risco obxectivo” na saúde humana e o recursos naturais. Esta actividade, abondou, realízase moi frecuentemente a ceo aberto e non cumpre os protocolos de protección da saúde necesarios, como xa denunciou en reiteradas ocasións o Grupo Municipal do BNG no concello.

Por outra parte, as descargas de carbón e sustancias a granel no porto coruñés triplicáronse no último ano nun 20%, cun total de 1.157.294 toneladas e o feito de que se triplicaran estas descargas non foi acompañado de novas medidas de corrección nin de protección.

A voceira nacionalista no Parlamento Europeo considera que “non se trata só dun tema local e denuncia “a permisividade do PP” no control da saúde e medio ambiente que comparou coa contaminación das Rías galegas, que por un afán exclusivo de negocio, relega a protección da saúde e da calidade de vida a un segundo termo. A nacionalista afirma que se está a incumprir a Directiva 2008/50/CE de calidade do aire –motivo polo que xa foi apercibido o Estado español como paso previo a un procedemento de infracción no Tribunal de Xustiza de Luxemburgo.

O BNG xa denunciou, en varias ocasións  no Concello,  os efectos  das descargas a ceo aberto

As partículas contaminantes procedentes das descargas a ceo aberto no Porto de A Coruña transmítense con moita facilidade polo vento e son os principais xeradores de contaminación ambiental do porto, superando mesmo os valores admitidos e medicións realizados polo tanto concello e Autoridade Portuaria. Esas medicións, denuncia o BNG, non son suficientes, pois deberían realizarse inspeccións sobre as descargas e graneis. Estas descargas están provocando recorrentes e frecuentes problemas respiratorios na veciñanza de Os Castros e problemas de contaminación na calidade do ar. Nos últimos meses, foron moitos casos de veciñanza afectada por algún tipo de patoloxía de tipo alérxica e afección do aparato respiratorio, afirma Ana Miranda

Terraza afectada pola cinza das descargas de carbón

O BNG vai levar a Bruxelas a denuncia da Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros, co fin de facer cumprir ás autoridades competentes, “a normativa de protección” nun porto considerado Porto Nodal da Unión Europea que recibirá finanzamento por este motivo.

A portavoz do BNG en Europa esixirá que as medidas correctivas contra a contaminación sexan tamén aplicadas no resto dos portos galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG