Galiza perde, ano tras ano, autonomía financeira polo “fracaso” da estratexia de Feijóo

Xavier Vence

Xavier Vence afirma que a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) constata un “novo castigo para Galiza”, representa máis recortes en servizos básicos e un ritmo de crecemento económico por debaixo doutras comunidades

Xavier Vence comparece ante os medios de comunicación

O portavoz do BNG, Xavier Vence asegurou hoxe ante os medios de comunicación, que a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) presidida onte polo Ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, constata “unha humillación e o fracaso  da estratexia financeira “ de Núñez Feijóo.

Na súa comparecencia, o portavoz nacionalista considerou que o Goberno do Estado continúa cunha política de “teito de gasto” para ás CC.AA situado no 0,7% , orientación “equivocada” para resolver os problemas derivados da crise económica.

Vence sostivo que, a reforma fiscal vai na dirección de continuar “co estrangulamento dos servizos básicos” con graves recortes na sanidade e educación e non recuperará a normalidade económica no noso país. A reunión do CPFF representa “unha humillación” para o Presidente da Xunta e a constatación do “fracaso da estratexia” da súa estratexia, reiterou.

As comunicades cunha estratexia diferente á de Feijóo para financiar a débeda pública acadan un beneficio de 4.127 millóns de euros

Neste sentido, explicou que o anuncio de Montoro de reducir o fondo de liquidez autonómica para as comunidades financiadas a través desta vía supón un custe moi por debaixo do financiamento da débeda pública. Dende o BNG cremos, dixo, que esta medida resulta “moi prexudicial” para Galiza e discriminatoria para as distintas comunidades autónomas ao premiar ás que seguiron a vía do fondo financiamento de liquidez autonómico que verán reducido o tipo de xuro ao 1% fronte o 2,4% inicial o que lles outorga un impulso financeiro de máis de 2.000 millóns de euros ampliando o período de carencia dos créditos nun ano con 2.080 millóns máis. As comunicades autónomas que seguiron unha estratexia “diferente” á de Núñez Feijóo serán “beneficiadas” cun aumento de liquidez de 4.127 millóns de euros.2

Para o portavoz do BNG, Núñez Feijóo debe “explicar e recoñecer o seu fracaso” e afirmou que o titular da Xunta foi “enganado e ninguneado” polo seu partido dende o Goberno central.

Mentres Galiza é maltratada, recalcou, o Goberno de Mariano Rajoy privilexia a outras comunidades autónomas ofrecéndolle mellores condicións para financiar a súa débeda.

Elena Muñóz “moi satisfeita” coas decisións do CPFF

O portavoz do BNG non escatimou críticas á conselleira de Facenda, Elena Muñoz da que dixo, ser unha “fiel seguidora das directrices do Goberno central” e amosar unha “leal submisión” en troques de negociar as mellores condicións para Galiza, pero, a xuízo do nacionalista, Muñoz aínda vai máis alá, e presentase como “ariete contra as comunidades autónomas que reivindican negociacións bilaterais” como no caso de Catalunya.

Con este discurso centralista, afirmou, Galiza perde, ano a ano financiamento e consolida a súa balanza fiscal “deficitaria”. Debe haber unha “emenda á totalidade” a Feijóo e a súa estratexia de financiamento da débeda, os galegos e galegas non podemos soportar un xuro de 2 ou tres puntos por riba dos ofrecidos polo Fondo de Liquidez Autonómica (FLA). Só a “teimosía” de Núñez Feijóo está a provocar un grande castigo e penalización en Galiza.

 Sociedade galega, concellos  e BNG obrigan a Gallardón a rectificar

A preguntas dos xornalistas sobre o anuncio do Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón de manter os partidos xudiciais, o portavoz do BNG afirmou que a proposta inicial era un “despropósito” e a rectificación do ministro é produto da mobilización social, dos concellos e BNG. É unha “vitoria” contra o centralismo que non responde á realidade galega como defendeu en moitas ocasión o BNG na Cámara galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG