Un acto de xustiza democrática en Vedra

Pleno VedraO pasado sábado 26 de xullo, ás 12 da mañá, celebrouse en Vedra un pleno extraordinario para votar unha moción do BNG que propuña a restitución simbólica dos seus cargos ás persoas que foran escollidas democraticamente como concelleiras antes do levantamento fascista de 1936. Nesa mesma data, hai 78 anos, suspendíase a totalidade dos cargos de concelleiros que compoñían a corporacion municipal de Vedra.

Con esta moción do BNG, que foi apoiada por todos os partidos políticos con representación na corporación municipal (BNG, Terra Galega, PSOE e PP), restituíuse simbolicamente nos seus cargos á Corporación destituída naquel desgraciado mesmo día de 1936. Neste sentido, desde o pasado día 26 de xullo figura no exterior do concello unha placa recordando o nomes dos concelleiros destituídos logo do Alzamento Militar, como acto de desagravio. E por outra parte, o pleno da corporación acordou por unanimidade solicitar a colaboración dos colexios de Vedra para coordinar unha unidade didáctica na que se recollan e expliquen os feitos acontecidos en Vedra en xullo de 1936.

O portavoz municipal do BNG de Vedra, Xosé Antonio Pose, “Fou”, afirmou que a presente moción non se constrúe contra ninguén, en ningún momento se citan as veciños que se apropiaron durante corenta anos da vida municipal do concello, nin das penurias e persecucións que sufriron aqueles concelleiros que foron coma nós, electos polos seus propios veciños.A presente moción constrúese como un acto de xustiza.”

Pleno VedraPor outra parte, o concelleiro nacionalista defendeu con entusiasmo e convencemento democrático unha moción que a nosa organización xa tentara sacar adiante desde a etapa como concelleiro do inesquecíbel Mariano Lema.

Desde o BNG cremos que o acontecido o pasado sábado en Vedra é dunha gran transcendencia política. Unha vez máis a nosa organización ponse á vangarda na construción dun marco político de verdadeira ruptura democrática coa etapa franquista. É a voz firme e libre das mulleres e homes do BNG a que fixo que Vedra se convertese nun novo espello en que o pobo galego pode mirarse con orgullo.

Aínda que nos felicitamos de que neste concello outras organizacións políticas se sumasen á moción, o BNG considera, moi ao contrario do que dixo o alcalde Carlos Martínez (PP) na súa intervención ao considerar que aquel “non era un acto político”, que o acontecido neste pleno extraordinario foi un acto eminentemente político e que dignifica e lle dá valor ao traballo político. A masiva asistencia ao pleno, tanto de familiares das persoas homenaxeadas como da veciñanza en xeral, así o demostra.

Desde o pasado día 26 de xullo unha placa recorda as persoas que conformaban a corporación democrática de 1936:

D. Celestino González Fuentes.

D. Manuel Cebeiro Santos.

D. Andrés Bouzón Álvarez.

D. Francisco Morao Valdés.

D. José Collazo Barco.

D. José Abelleiro Alvela.

D. Marcelino Cobas Parada.

D. Ángel Rey Caldelas.

D. Juan Gaiteiro Devesa.

D. José Castro Crespo.

D. Mariano Lema Lobato.

D. Antonio Núñez Varela.

D. José Mougán Neira.

D. Francisco Picanes Alvela.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG