O BNG condena o novo asasinato machista na Galiza e chama a mobilizarse

Machismo-borbenO BNG traslada a súa solidariedade e apoio á familia e amizades da muller presuntamente asasinada en Pazos de Borbén e fai un chamamento á sociedade galega para condenar e manifestar publicamente o rexeitamento e tolerancia cero coa violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes.

É preciso que poderes públicos e sociedade en xeral manifesten rotundamente a súa condena e que a loita contra a violencia machista sexa considerada asunto prioritario nas axendas políticas, poñendo en marcha medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres que, cada vez con maior frecuencia, teñen como dramática consecuencia o asasinato de mulleres a mans das súas parellas e ex parellas.

Para alén das mostras de rexeitamento que poida haber en situacións concretas, os poderes públicos deben combater cos medios adecuados a violencia machista, incrementando os recursos materiais e persoais na loita contra a violencia, activando os protocolos adecuados e realizando campañas contra o silencio e a complicidade, promovendo a coeducación para tentar unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres. A tolerancia cero coa violencia e a discriminación contra ás mulleres ten que se practicar día a día, ten que estar presente continuamente, ten que significar unha nova maneira de estar no mundo, porque é absolutamente insoportábel esta continua perda de vida das mulleres provocadas por un terrorismo non recoñecido nin combatido consecuentemente.

Por todo isto, o BNG participará en todas as convocatorias que se organicen para rexeitar a violencia machista. En particular, anuncia o seu apoio e asistencia ás concentracións convocadas nos seguintes lugares:

  • A Coruña, ás 20 horas no Obelisco, convocada polo movemento feminista da Coruña
  • Santiago de Compostela, ás 20 horas na Porta do Camiño, convocada polo movemento feminista de Compostela
  • Vigo, ás 20h no MARCO, convocada pola Marcha Mundial das Marcha Mundial das Mulleres
  • Ferrolterra, ás 20 horas na Casa do Concello, convocada pola Marcha Mundial das Marcha Mundial das Mulleres
  • Ourense, ás 20 horas, na Subdelegación do Goberno, convocada pola Marcha Mundial das Marcha Mundial das Mulleres
  • Foz, ás 21,30 horas, diante do concello.

Por outra parte, o BNG continuará a demandar, en todas as instancias de que forma parte, unha aposta decidida por todas as políticas que conduzan a unha transformación social radical que consiga pór en cuestión as relacións de dominio e que combata un patriarcado que se está a reforzar día a día.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG