Davila demanda a Guindos que cambie a lei hipotecaria e contemple dunha vez a dación en pago

DSC_0666A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou na Cámara Baixa unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na que insta ao Ministro de Economía, Luis de Guindos a modificar a lexislación en materia hipotecaria para contemplar medidas como a dación en pago.

A deputada do BNG pide ao Goberno que cumpra coa sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, que resolveu que a normativa española nesta materia vulnera os dereitos fundamentais das persoas, e sitúa ao debedor hipotecario nunha situación de desigualdade, instando ao Executivo español a cambiar a Lei de Enxuizamento Civil.

Davila lembra que o BNG xa advertiu ao Goberno na tramitación da lei 1/2013, de 14 de maio, de medidas para reforzar a protección aos debedores hipotecarios, que “se estaban a adoptar medidas desde unha posición minimalista, consistente en aplicar simples remendos a un problema que requería ir ao fondo. Advertimos ao Goberno de que se quedaba na superficie e de que non estaba a atender o drama social que padecen miles de persoas e familias por non poder soportar máis o pagamento das súas hipotecas”.

A lei do PP non funciona, debe cambiarse para cumprir coa sentenza do TXUE e tamén para estabelecer a dación en pago

Un ano máis tarde, puntualiza, o Tribunal de Xustiza da UE dicta unha sentenza que manifesta que a actual lexislación do estado español vulnera os dereitos fundamentais das persoas, ademáis recoñece qu a vivenda é un ben de consumo de necesidade básica. É moi crítica co feito de que se limite o dereito dos debedores ao negarlles a posibilidade de recorrer en segunda instancia, permitindo que os bancos si o poidan facer, o que evidencia unha clara discriminación.

Para Davila non abonda con cambiar a lei para só modificar este último punto, tal e como dixo onte Guindos que estaban dispostos a facer. A deputada do BNG considera que hai que aproveitar o momento para “facer o que non se fixo o ano pasado porque a lei do PP non funciona, non serviu para atallar o problema”.

“A sentenza do Tribunal de Xustiza da UE debería levar ao Goberno a aprobar definitivamente unha lexislación xusta que recolla a moratoria do desafiuzamento, a dación en pago ou a opción de aluguer social como alternativa”, afirma.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG