O BNG solicita a comparecencia de Ana Pastor para tratar "o caos e os abusos imperantes" na AP-9

XUNTA PORTAVOCES 3 XUÑO 2014 016A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que acuda á Cámara a dar explicacións sobre o “caos imperante na AP-9” e para abordar en sede parlamentar os “intolerábeis abusos da concesionaria AUDASA que permite que miles de usuarios fiquen atrapados en enormes atascos cada fin de semana do verán”.

Rosana Pérez que xa ten presentado iniciativas parlamentares como proposicións non de lei para instar á Ana Pastor a adoptar medidas ante “a persistente e reiterada situación de atascos en varios puntos das cabinas de cobro de peaxes da AP-9”, considera que “xa é hora de abordar este tema en profundidade, con seriedade e superando os meros avisos ou declaracións con pretendido tón de malestar do Ministerio ou da Xunta”.

Para a deputada do BNG a “situación require de medidas contundentes por parte de Fomento como a aplicación de sancións, porque non é admisíbel que miles de cidadáns galegos e galegas fiquen atrapados en enormes atascos todas as fins de semana do verán só porque unha concesionaria avariciosa quer facer o agosto a conta da xente”. Rosana Pérez afirma que “non hai xustificación na actitude da empresa que non só mantén o personal mínimo nas cabinas de cobro, senón que por riba se nega a levantar as barreiras en momentos de atasco”.

A AUDASA impórtanlle pouco os expedientes informativos, debe haber sancións

“Un mal servizo non debe pagarse. Iso debería rexir para todo tipo de servizos, incluidas as peaxes. A maioría de nós cando colle unha autoestrada é para axilizar a viaxe, para acurtalo e facelo en menos tempo. Está claro que os usuarios que deciden coller a AP-9 nas fins de semana reciben todo o contrario, tardan moitísimo máis tempo aínda”, sinala a deputada do BNG.

A parlamentar nacionalista opina que “a situación xa xerou en grave, e que se precisa dunha comparecencia da Ministra para abordar toda a problemática da AP-9 con seriedade e rigor. E non vale con rematar o verán e agardar á seguinte ocasión. Este tema debe ser tratado”.

Rosana Pérez solicitou a comparecencia de Ana Pastor para que dea conta das medidas que está a adoptar ante AUDASA, e sobre todo, para saber se “máis alá de incoar expediente informativos á concesionaria, ten pensado obrigala a levantar as barreiras en momentos como do sábado pasado na saída da AP-9 cara o Salnés”. Ademáis, lembra que xa Fomento abriu un expediente informativo no 2012 e a día de hoxe descoñecemos as súas conclusións e se deu lugar a accións por parte do Ministerio porque “a realidade demostra que á concesionaria pouco lle importan os expedientes informativos e sigue actuando como quer”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG