Rosana Pérez insta á Ana Pastor a instalar dispositivos anti néboa efectivos na A-8

DSC_0660A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou esta mañá na Cámara Baixa unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar para instar á Ministra de Fomento a instalar dispositivos anti néboa tecnoloxicamente máis avanzados na autovía A-8, entre os municipios de Mondoñedo e Abadín onde se produciu o sábado pasado un terríbel accidente de tráfico.

A deputada do BNG demanda da Ana Pastor que se instalen canto antes fórmulas técnicas que permitan a visibilidade nunha zona caracterizada por constantes e persistentes néboas que impiden ou dificultan a conducción, e que constitúe un serio risco para as vidas de conductores. Asemade, Rosana Pérez empraza a Fomento a extremar a vixianza e o control no tramo da A-8, onde apenas nuns meses se rexistraron varios accidentes como o acontecido o sábado 26 de xullo no que se viron implicados 35 vehículos, houbo que lamentar a morte dunha muller e se produciron 49 feridos.

E nun terceiro punto da proposición non de lei, a deputada nacionalista plantexa que “en atención a este problema, e a fin de oferecer unha alternativa segura aos conductores e conductoras, se aprobe un plan de mellora de estradas estatais como a N-634 e a N-642 ao seu paso pola comarca de A Mariña”.

Fomento ten que procurar unha solución segura e efectiva ante un problema estructural

Rosana Pérez recolle nas súas iniciativas parlamentares os dados sobre o espectacular accidente do sábado pasado á altura de O Alto do Fiouco. “A espesa néboa que envolvía a zona parece ter sido a causa do choque en cadea no que decenas de vehículos quedaron atrapados”. A deputada do BNG pón de manifesto que no se trata dun problema ocasional ou imprevisto, “é unha zona caracterizada por habituais bancos de néboa cuxa espesura pode chegar a anular por completo a visibilidade”.

De feito, moitos conductores sinalaron que a falla de visibilidade era tal que nin siquera se percibían as luces especiais para a néboa situadas por Fomento sobre a bionda. Para Rosana Pérez “isto é a proba de que esas balizas son insuficientes para afrontar un problema que é estrucctural”.

De feito, subliña que este tramo foi inaugurado en febreiro pasado e xa aos dous meses se producía o primeiro accidente de tráfico con implicación de vehículos pesados. A deputada do BNG considera que “a gravedade da situación exixe por parte de Fomento unha solución definitiva a un problema de índole natural e consustancial ao lugar descrito. Por eso, coidamos que Fomento debe estudar outro tipo de dispositivos anti néboa máis avanzados tecnoloxicamente e que melloren a visibilidade e a seguridade”.

Para a deputada do BNG a solución non pode ser a de someter a A-8 a continuos corte de tráfico porque unha “das súas razóns de existir é a de ter sido configurada como alternativa a outra perigosa estrada, a N-634. A N-634, lembra, está chea de puntos negros e deficiencias, “entón, é obrigar aos conductores a escoller entre unha estrada estatal deficiente e unha A-8 perigosa por ter bancos de néboa espesa”.

“Se o futuro da A-8 vai consistir en continuos cortes de tráfico que volten a situar aos usuarios na N-634, habería que concluir cal é a súa utilidade porque se investiu carto público nunha autovía que debe poder ser utilizada sin problema”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG