Vence: "As balanzas fiscais de Montoro son unha estafa intelectual a favor do discurso centralista"

VENCE ROLDA PRENSA 30 XUÑO 2014

O BNG tacha de “estafa intelectual” e de “documento político” con “deficiencias técnicas” a balanza fiscal elaborada polo Ministerio de Facenda que considera que Galiza está “sobrefinanciada”. Pola contra, o Bloque presentou hoxe o seu propio informe que da como resultado un déficit para Galiza de 1.322 millóns de euros en 2011, tendo en conta que aporta 7.213 millóns de euros ao Estado e recibe 5.891 millóns de euros.

“É un documento político baixo un disfraz técnico, un puro artificio de contabilidade para servir de propaganda ao centralismo, un instrumento que trata de xustificar a concesión aínda de máis agasallos fiscais a Madrid. Desde o punto de vista técnico, é unha estafa intelectual que fai ver ao final que estamos vivindo á costa de Madrid. É un insulto á intelixencia”, critica o portavoz nacional, Xavier Vence.

Vence insta ao presidente da Xunta a pronunciarse sobre os datos difundidos onte polo Goberno central, e pregúntalle como pensa defender os intereses de Galiza á hora de renegociar o sistema de financiamento autonómico en 2015 se acepta “compracido” o informe de Montoro.

“Se da por boas esas cifras, con que argumentos o señor Feijóo vai acudir ao Consello de Política Fiscal e Financeira, como vai defender a Galiza nunha distribución máis xusta dos recursos públicos e unha mudanza favorable do sistema de financiamento? Se colle, unha vez máis de xeito acrítico, o discurso do centralismo, Galiza está vendida”, advertiu o portavoz nacional.

Vence pide a Feijóo que a Xunta elabore as súas propias balanzas e ofrécelle o estudo elaborado polo Bloque, “porque teríamos moitos argumentos para poñer enriba da mesa á hora de pedir un cambio do sistema de financiamento tan prexudicial para o noso país”. “Temos que construír un discurso propio baseado nas cifras reais e non asumir a milonga da Galiza subsidiada por un Madrid sacrificado”, subliñou.

Utilidade limitada

Vence limitou o alcance das balanzas fiscais como “instrumento útil” para medir a relación entre os territorios e entre estes e o Estado, posto que deberían ir acompañada dan dos datos doutros fluxos económicos, como os financeiros, comerciais, enerxéticos e de capital humano.

A modo de exemplo, citou os fluxos financeiros en 2013. “Saíron de Galiza 9.000 millóns de euros, a diferencia entre os aforros dos galegos e galegas e os créditos que o sistema financeiro concedeu en Galiza. Esa drenaxe do aforro galego foi para financiar investimentos fora do noso país”.

En relación á balanza fiscal, Vence advertiu das dificultades de facer un informe “rigoroso” ante a falta de transparencia da contabilidade pública, “é unha trapallada, onde te atopas que o Ministerio de Facenda ofrece ata catro datos diferentes para o mesmo concepto”. “Reclamamos unha contabilidade pública transparente e unha contabilidade territorial de pagos obxectiva”, dixo.

Para o dirixente nacionalista, os factores que explican os resultados facilitados polo departamento do ministro Montoro, son basicamente dous: o método de calculo e a imputación tanto da seguridade social contributiva como dos xuros da débeda estatal.

A milonga da carga-beneficio

Coa adopción do método da carga-beneficio, Montoro imputa o que o Estado gasta ou inviste en función de a quen beneficia, sen ter en conta o territorio no que efectivamente se leva a cabo ese gasto/investimento. “O gasto da Administración central, organismos e empresas públicas localizadas case na súa totalidade en Madrid é parte do seu pulmón económico, e non imos tragar coa milonga de que todos nos beneficiamos por igual”, advertiu Vence.

O BNG considera que o criterio que hai que aplicar para o cálculo das balanzas fiscais é o de fluxo monetario, que computa o gasto ou investimento do Estado no territorio no que realmente se executa.

A segunda parte que explican as cifras do Goberno central está na inclusión da Seguridade Social contributiva, un “dislate”, segundo Vence, xa que non é resultado dun gasto do Estado, senón que se sufraga cas aportacións dos traballadores e das traballadoras e das empresas. En todo caso, só deberían terse en conta as pensións non contributivas, que no caso de Galiza supoñen 87 millóns de euros.

O Bloque tamén rexeita que se distribúa por igual o pago da débeda pública estatal cos criterios que aplica o Estado, posto que as CCAA e os concellos xa deben soportar a súa propia débeda. “Non temos porque asumir o rescate bancario, os agasallos ás empresas eléctricas a través do déficit tarifario ou ás concesionarias das autoestradas radiais madrileñas”, alega Vence, “a Galiza se lle aplica un 7%, moi por riba da súa porcentaxe de PIB e da poboación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG