Rosana Pérez pide explicacións á Ana Pastor por non estar operativo o ERTMS un ano após de Angrois

FOTOS CONCENTRACION ANGROIS 007A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar hoxe na Cámara, no día no que se cumpre o primeiro aniversario do fatídico accidente do Alvia en Angrois, para preguntar a Fomento como é posíbel que despois do acontecido o sistema de seguranza máis avanzado, o ERTMS, aínda non estea operativo.

Rosana Pérez sinala que “pasaron doce meses sin que a conexión Ourense-Santiago conte aínda co ERTMS. Doce meses de angustia, de ansiedade e de trauma para os afectados por este terríbel sinistro ferroviario”. A deputada do BNG pón de manifesto que ao longo deste tempo, e con motivo do proceso xudicial en marcha, ficou claro que unha “das maiores catástrofes ferroviarias que se viviron no estado español no tería sucedido se o sistema ERTMS estivese operativo xa que teríase activado o freado automático en circunstancias anómalas ou de exceso de velocidade”.

Algo que “se reflexou en distintas comparecencias como a do Presidente da CIAF ou o recollido en informes de distintos peritos. É unha verdade que xa ninguén discute”. Ademáis, subliña, o propio Presidente de Renfe prometeu días após do sinistro que o dispositivo ERTMS estaría en marcha antes de rematar o ano.

Neste ano, Fomento só procedeu á instalación de tres balizas e rebaixou a velocidade ao paso dos trens pola curva de A Grandeira.

A estratexia do silenzo da Ministra

Reprocha con dureza a deputada do BNG a “longa ausencia da Ministra de Fomento que desde a súa única comparecencia en agosto do pasado ano, non voltou a falar do tema no Congreso”. Rosana Pérez considera que “o silenzo de Ana Pastor é clamoroso e máis elocuente a un ano da traxedia. Unha actitude que consideramos totalmente censurábel porque o sinistro de Angrois non se pode solventar nunha única comparecencia da titular de Fomento porque ao longo destes meses xurdiron moitas incógnitas, preguntas e dúbidas sobre o accidente que terían requerido de explicacións políticas”.

Lembra a constante negativa do PP e do PSOE á constitución dunha Comisión de Investigación parlamentar solicitada polo BNG en numerosas ocasións. E critica que o Ministerio utilice o argumento do proceso xudicial para evitar comparecer porque “existe separación de poderes nunha democracia, e o proceso xudicial vai por un lado, e as necesarias explicacións políticas por outro. Non hai interferencias, é só unha coartada que se buscou o Ministerio para eludir o debate político”.

Noutra liña, Rosana Pérez afirma que medidas como as indemnizacións ás vítimas ou a remodelación da CIAF, adoptáronse á última hora, nun Consello de Ministros a unha semana de cumprirse o primeiro aniversario do accidente que se cobrou a vida de 80 persoas e deixou unha secuelas en moitas persoas.

A deputada nacionalista sinala que “desde unha perspectiva política, o balanzo un ano após é moi deficiente e lamentábel. Un sinistro destas características tería provocado en calquer Parlamento europeo unha sucesión de comparecencias, mentras que o PP decidiu dar carpetazo á maior catástrofe ferroviaria”.

Rosana Pérez formula á Ministra de Fomento unha batería de preguntas para saber por que a estas alturas aínda non está operativo o sistema ERTMS, e que saber se se vai operativizar e cando. Ademáis, en canto á non comparecencia da Ministra pregunta: “Considera o Ministerio que é unha estratexia política adecuada sumirse no silenzo? Prevé a Ministra comparecer na Cámara sobre este tema cando se inicio o novo periodo de sesións?”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG