Galiza Nova reivindica a vixencia de Rosalía e Castelao como referentes na defensa de Galiza

Lobeira: “Somos un país capaz de valerse por si mesmo, pero precisamos que a nosa mocidade quede aquí en vez de ser pasto da emigración”

homenaxeO secretario de organización do BNG, Bieito Loberia, participou esta tarde no acto de homenaxe a Rosalía e Castelao organizado polas xuventudes de Galiza Nova, no parque de Santo Domingo de Bonaval, onde puxo en valor o papel da mocidade galega, máxime nunha situación crítica como a que vive Galiza.

“Somos un país capaz de valerse por si mesmo, pero precisamos que a nosa xuventude este aquí, na terra, en vez de ser pasto da emigración”, salientou Lobeira, quen tamén subliñou que este é “un país rebelde e insubmiso, que non se resigna, como ten demostrado nos momentos máis difíciles” , ao tempo que instaba a desbotar “a falsa idea” de que Galiza é un país subsidiado que non pode valerse sen a muleta do Estado.

bieito“Ata os datos da balanza fiscal do informe elaborado polo Bloque, -non os da propaganda ideolóxica de Montoro-, evidencia que é un falso mito que temos que desmontar”, argumentou, tras resaltar o papel que debe xogar a xuventude galega “na loita pola soberanía de Galiza, como a mellor opción para ter futuro, como persoas e como pobo”.

Desde Galiza Nova, o secretario xeral, Alberte Mera, salientou a vixencia de Rosalía e de Castelao “polo seu compromiso co país e coas clases populares, o que os converte aínda hoxe nun exemplo a seguir, pois as súas reivindicacións están dramaticamente vixentes”.

Neste sentido, lembrou como Rosalía denuncio a emigración “que hoxe padecen milleiros de mozas e mozos”, a súa reivindicación da igualdade e da emancipación das mozas, de novo cuestionada por reformas retrógradas como a Lei do Aborto que ultima o ministro Gallardón, ou a súa reivindicación da lingua galega, “perseguida no ensino polo Goberno do PP na Xunta”.

E, igualmente, salientou a vixencia de Castelao “como símbolo da loita pola soberanía de Galiza e da necesidade de contar con organizacións propias”. “Como Rosalía e Castelao a mocidade hoxe somos inconformistas e querémolo mudar todo”, proclamou Mera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG