Davila solicita a comparecencia de Montoro para que aclare se vai haber máis recortes

FOTOS COMISIÓN PACTO TOLEDO 004A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia do Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, para que aclare se o Goberno ten intención de aprobar un novo catálogo de recortes.

Davila quer que o titular de Facenda aclare en sede parlamentar se o documento elaborado polo Ministerio que contén 255 medidas de “racionalización do gasto”, e que desvelan duros recortes en eidos de grande importanza social, vanse efectivizar.

Olaia Fernández Davila amosa a preocupación do BNG “por un documento que se vai levar ao vindeiro Consello de Política Fiscal e que exixiría ás CC.AA severos recortes en ámbitos da súa competencias como o sanitario, o educativo, ou o económico-laboral”.

Unha sociedade empobrecida non pode soportar máis recortes

“Propostas como o copago sanitario por non asistir a citas médicas programadas ou o copago por ir a urxencias ou simplesmente por ir a unha consulta médica, causan verdadeira alarma social e política”, sinala Davila, quen considera que “xa tivemos suficiente doses de recortes deste Goberno de maioría absoluta que goberna a golpe de Reais Decretos, e desde logo, unha sociedade cada vez máis empobrecida non pode soster nin aguantar un novo catálogo como o que se augura no documento de Facenda”.

A deputada do BNG advirte ao Goberno de Rajoy que “o que menos precisa unha poboación xa moi castigada e que vive cada vez nunha precariedade maior, son máis recortes”. Ademáis, lembra que “de se levaren a cabo, estaríamos ante o enésimo incumprimento de promesas por parte do PP, porque o propio Montoro e tamén Rajoy afirmaron que non habería máis axustes como os vividos”.

Davila insta ao Goberno a camiñar na dirección contraria, “a deixar de someter a duros sacrificios á sociedade en xeral, e a afortalar os servizos públicos, en lugar de privatizalos e precarizalos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG