Rosana Pérez pide a comparecencia de Margallo polo ataque militar de Israel ao pobo palestiniano

congresoBNG7A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente do Ministro de Asuntos Exteriores, José María García Margallo, para demandarlle xestións perante a UE polo brutal ataque militar do estado de Israel sobre Gaza, onde a estas horas xa matou a 27 persoas, moitas delas civís.

Rosana Pérez quer que o titular de Exteriores explique tamén cal é a posición do Goberno español perante os bombardeos indiscriminados de Israel sobre Gaza onde habitan case 2 millóns de persoas. A deputada do BNG solicita a comparecencia de Margallo para pedirlle que exixa a Israel o cese imediato dunha ofensiva adoptada “con tanta rapidez, sen mediar diálogo nin intentos diplomáticos polo medio, que delata a impunidade coa que actúa o estado de Israel como fixo sempre”.

Rosana Pérez lamenta que o “non exista unha actuación urxente por parte de estados da UE como o español demandando a Israel a paralización imediata do ataque militar sobre a castigada poboación palestiniana de Gaza”.

Sobre todo, puntualiza Rosana Pérez, cando temos que escoitar as declaracións do Ministro de Defensa israelí sinalando que “a operación militar non rematará en cuestión de días”, o que debería causar a alarma da comunidade internacional, “unhas manifestacións que ademáis amosan ás claras que Israel tiña preparado o ataque desde hai tempo, planificado e que só buscou un pretexto para levar a cabo un bombardeo masivo sobre Gaza”.

A deputada do BNG advertiu que “o inmovilismo da UE, do Goberno español ou da comunidade internacional pode ter consecuencias irreparábeis como o asasinato cruel de miles de persoas de Gaza”. Pediu asemade que se exixa a Israel o cumprimento das resolucións da ONU e o respecto polos dereitos humanos e a vida porque “está asasinando a poboación civil, a nenos e a persoas indefensas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG