O BNG acada un acordo parlamentario para non subir o 21% o IVE os produtos pesqueiros

O deputado do BNG, Daniel Rodas amosou a súa satisfacción ante a aprobación da iniciativa nacionalista que rexeita o aumento do IVE nos produtos pesqueiros como propuña o informe “Lagares” porque suporía a perda de produción e postos de traballo

Daniel Rodas en Comisión

A Proposición non de lei defendida hoxe polo deputado do BNG, Daniel Rodas contra a proposta do Comité de expertos para aumentar nun 21% o Ive sobre os produtos da pesca, foi aprobada “por unanimidade” en comisión.

O parlamentario do BNG agradeceu o apoio do resto dos grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista e considerou que de non ser aprobada suporía “outro ataque” ao sector da pesca ao aumentar nun 21% o IVE fronte o actual 10% os produtos. Esta recomendación de levarse adiante, dixo, provocaría unha “grave caída nas vendas”,a perda de produción económica e postos de traballo, peche de empresas, encarecemento da cesta da compra e desvalorización do prezo do peixe.

“Estamos, a falar de produtos básicos”, manifestou e a proposta dos expertos representaría unha “nova carga impositiva” para un sector estratéxico en Galiza xa gravemente afectado pola crise económica.

Rodas asegurou que a intención recadatoria do aumento do IVE é unha decisión política equivocada como outras moitas que afectaron negativamente a un sector “columna vertebral” da economía galega.

Para o parlamentario do BNG, este tipo de decisións exclusivamente para recadar cartos, contrasta coa ausencia de medidas contra o fraude, as irreguralidades dos fondos de inversión e as rendas máis altas que aproveitan a crise económica para “seguir engordando”.

Pola súa parte, o voceiro do Partido popular, José Manuel Balseiro afirmou non compartir a proposta do Informe Lagares, “xa que non sería a mellor opción para o noso sector pesqueiro” polo que facilitaron a aprobación desta iniciativa.

Rodas, recordoulle o que lle costa asumir ao PP esta iniciativa como propia, e celebrou que desta vez non sexa necesario que os mariñeiros, armadores e comercializadores visiten o Parlamento como no caso do acordo pesqueiro con Portugal, para que o partido maioritario de Galiza se posicione en defensa dos intereses galegos, ademais, tamén lembrou que recentemente unha iniciativa similar debatida no Congreso dos deputados foi rexeitada polo Partido popular argumentando que a prioridade era cumprir o déficit.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG