Rosana Pérez critica á Ana Pastor por non comparecer a pesar das imputacións de Adif por Angrois

FOTOS CONCENTRACION ANGROIS 004A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez considera “de todo inxustificábel e vergoñento que a Ministra de Fomento, e os máximos responsábeis de Adif e Renfe non comparezan na Cámara Baixa para dar explicacións sobre a evidente rebaixa da seguranza no tramo ferroviario Ourense-Santiago”.

Desde o pasado mes de outubro, afirma a deputada do BNG, “son constantes os informes e documentos que poñen ás claras que se rebaixou a seguranza no tramo do tráxico accidente do Alvia en Compostela. O avanzo do proceso xudicial coa imputación por parte do xuiz instructor do caso de once cargos da anterior dirección do Adif, é o botón de mostra de que estamos ante responsabilidades políticas que se deben depurar”.

A deputada nacionalista critica á máxima responsábel do departamento de Fomento que “leva meses sen comparecer na Cámara. Desde agosto do ano pasado non voltou dar explicacións sobre unha traxedia que marcou a memoria colectiva dos galegos e galegas, e do resto do estado. Que deixou moitas vítimas, e moitas persoas afectadas que aínda tratan de saír das secuelas que o accidentes lles deixou física e psicolóxicamente”.

A estratexia do silenzo ante un sinistro terríbel

Desde o pasado mes de setembro de 2013, o BNG, puntualizou, solicitou a comparecencia da Ministra, do presidente de Adif e de Renfe en varias ocasións, sobre todo ante o constante coñecementos de informes e documentos que demostraban a modificación dos proxectos orixinais e a rebaixa na seguranza do tramo afectado. Aquí aínda non veu ninguén, nin a Ministra nin ningún dos responsábeis ministeriais. Silenzo absoluto que é a estratexia que segue o PP, despois de bloquear, conxuntamente co PSOE, a constitución dunha Comisión de

Investigación como o pediu o BNG en incontábeis ocasións”.

Censurou as palabras da Ministra após de coñecer a imputación de once ex responsábeis de Adif, que “sonan a unha mala película. Dicer a estas alturas que o Goberno só ten un obxectivo que é o de que se saiba a verdade, é cando menos unha tomadura de pelo. Se iso fose certo, a Ministra estaría comparecendo nas Cortes de imediato, e non o fai. Igual que non é verdade que colaboraron coa Xustiza desde o primeiro minuto, porque recorreron as imputacións anteriores de cargos de Adif e Renfe. Se non había nada que temer e se predicaba transparencia, ter comezado por aí. Colaborar coa Xustiza non é estar calado e evitar ir testificar, iso é todo o contrario”.

Rosana Pérez sinala que “tanto o PP como o PSOE quedaron xa sen argumentacións. É de dominio público que se puxo en marcha un Alvia a Santiago de Compostela sen os debidos sistemas de seguranza, especialmente nun punto destacado de perigosidade como é a curva de Angrois. E queren pechar un dos maiores sinistros ferroviarios do estado como se nada pasase. Hai responsabilidades políticas e a Comisión de Investigación parlamentar debería ser de obrigado cumprimento. O BNG continuará a traballar e insistir até a saciedade sobre un sinistro que permanece na memoria”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG