O BNG culpa a Rosa Quintana de enganar ao sector do cerco e perder dous meses en van

O deputado do BNG, Daniel Rodas denuncia que o Goberno galego leva máis de dous meses dando falsas esperanzas e poñendo trabas ao sector do cerco para consensuar unha “postura unitaria e galega” na defensa de cotas dignas

Daniel Rodas en debate parlamentario (Foto de arquivo)

O deputado do BNG, Daniel Rodas culpabiliza á conselleira de Pesca de “enganar ao sector do cerco” e impedir que se organice para defender a pesca galega en Madrid.

Dende o mes de decembro, asegura Rodas, Rosa Quintana admitiu un pre-acordo “vergoñento” nun reparto das cotas da xarda para o cerco onde se impoñían os criterios de reparto que lle outorgaban as capturas históricas, o 70 %, contrario o que defende o sector .

Asemade, os criterios para este reparto son considerados “inamovíbeis” pola consellería cando noutras artes como no caso da volanta outorgáselle un 50% linealmente segundo o número de barcos e o resto, proporcionalmente entre o número de tripulantes, GTS e capturas históricas, en base a mesma lei, que a conselleira considera inamovíbel.

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas critica a “falta de compromiso” da conselleira Quintana co sector. “Non convocou ningunha reunión, en todo este tempo coa Comisión do Cerco do Consello Galego de Pesca”, ela unicamente se reúne cos que decide escoitar e cando os recibe, despois de térllelo solicitado na rúa, a súa prioridade é averiguar con que se reúne a Asemblea de Portosin.

Rosa Quintana non aporta ningunha solución e o PP “comulga cun reparto que todo o sector rexeita”.

A Conselleira, ao contrario que sucede con outros gobernos doutros países,afirma o deputado do BNG, está a dilatar o problema ata a apertura da campaña, impedindo que toda a flota teñan unidade de acción, “tragando” cun modelo de reparto discriminatorio para a flota galega e reproducindo o esquema da UE que beneficia aos grandes cerqueiros peláxicos con maior eficacia en pescala e convertela en fariña ou exportala ata mercados internacionais provocando a ruína dunha flota como a galega, “pequena, tradicional, xeradora de moitos postos de traballo e sostible”.

O sector non se sinte defendido polo Goberno galego

O sector volve deixar ben claro que non se pode comulgar con rodas de muíño, nin pode aceptar este tipo de acordos que condicionan o acceso ao recurso para aqueles que máis capacidade teñen de pescala e non para os que máis contribúen a economía local, dane menos o medio ambiente mariño e sobre todo para aqueles que repartan entre as comunidades costeiras os beneficios obtidos dun recurso que pertence a todas e todos os galegos.

 O BNG apoia as reivindicacións do sector do cerco

O deputado do BNG reclama un reparto proporcional e equitativo e non entregarlle os nosos dereitos de pesca ás grandes embarcacións peláxicas porque supón a fame e ruína para os nosos mariñeiros.

“Compartimos a indignación da flota de cerco que ve como unha vez máis, o Partido Popular os engana”, trasládanlle continuas promesas mentres se esgota o tempo de negociar ata que comece a campaña.

Reiteramos o noso “total apoio” contra esta aldraxe. É o momento de defender os criterios socieconómicos, sostibilidade da pesquería e reparto equitativo do recurso en función da flota e número de empregados, das persoas e non dos capitais”.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG