Adán propón medidas para loitar contra a pobreza enerxética que sofren 650.000 persoas en Galiza

Galiza ten 650.000 persoas en situación de pobreza enerxética, cifra que o BNG considera socialmente insoportable polo que demanda á Xunta a adopción de medidas que eviten as “dramáticas consecuencias” desta problemática das familias galegas con máis dificultades e, de xeito xeral, que non se produza un incremento do recibo da luz en 2014.

A través dunha proposición non de lei debatida no Parlamento, a portavoz de Industria, Carme Adán, fixo referencia ás consecuencias derivadas da estratexia do PP de recortes, privatizacións, fiscalidade regresiva e subidas continuadas de servizos básicos que se traducen en fogares cada vez “máis vulnerables”.

“Unha enerxía, -electricidade ou gas-, cada vez máis caras, sumado ás desorbitadas cifras de desemprego, con 33.000 familias sen ningún ingreso e 93.000 fogares con todos os seus membros en paro, provoca como resultado familias que non poden afrontar os custes da factura da luz nun momento de frío xeneralizado”, explicou a deputada nacionalista.

Como medidas concretas, o BNG propón ao Goberno galego realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza, e que adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias deste problema nos fogares galegos máis desfavorecidos. Como segunda proposta da PNL, o Bloque insta á Xunta a esixir ao Executivo central que non incremente o recibo da luz en 2014.

Durante o debate, Adán cualificou de “absoluta inxustiza” que teñan que abonar as mesmas cuantías en forma de taxas as familias en risco de exclusión social ou sen ingresos que os clientes con grandes fortunas, e criticou que Galiza asuma todos os inconvenientes de ser xeradora e exportadora de enerxía pero sen ter ningunha contraprestación. “Hoxe mesmo, chamáronme dunha parroquia denunciando os cortes de luz continuos, que sofre un deficiente servizo enerxético pese a estar atravesada por liñas de alta tensión, unha constante en Galiza”, indicou a modo de exemplo.

“O sistema enerxético ten que ser un ben público que preste servizo ás familias e ás empresas, en lugar de estar a disposición dos intereses dos consellos de administración das grandes compañías eléctricas, que obteñen beneficios inmorais e onde o que se coñece como portas xiratorias é unha práctica habitual”, denunciou Adán, quen concluíu defendendo a “soberanía enerxética de Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG