O BNG cualifica de “escandaloso” o proceder do Goberno do PP de Santiago con sete novas imputacións

“Nunca un partido político lle fixo tanto dano á imaxe de Santiago como o PP”

“Á marxe da legalidade, están a ética, a responsabilidade política e a oportunidade e este caso creou unha importante alarma social”

“O PPdeG é cómplice da responsabilidade por mantelos nos seus cargos”

Rubén Cela, portavoz municipal de Santiago de CompostelaO portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou logo das sete novas imputacións a membros da Xunta de Goberno que o xeito de actuar do PP de Santiago é “absolutamente escandaloso” como advertiu o BNG en tantas ocasións e “lamentabelmente, ten consecuencias que paga a veciñanza”.

Para o BNG, a única solución pasa por unha “profunda e urxente rexeneración democrática” que se ten que concretar necesariamente ou na dimisión de todas as persoas imputadas ou na disolución da Corporación e convocatoria de novas eleccións municipais, explicou Rubén Cela. Estas novas imputacións constitúen “un suma e segue que non se pode manter no tempo”, engadiu.

Seis causas abertas á xestión do PP de Santiago

Por desgraza, esta nova volve facer que Santiago encabece todos os xornais e informativos de Galiza e do resto do Estado. Máis unha vez por nada bo, son sete novas imputacións no marco dunha nova causa xudicial aberta contra o Goberno municipal de Santiago do Partido Popular, que se veñen sumar ás outras cinco abertas con anterioridade: desfalco a Facenda de Conde Roa, operación Pokemon, pperación Manga, caso Carril e caso das facturas falsas. “Con isto, 10 dos 13 membros do actual grupo de Goberno están imputados, cando menos, nunha destas causas xudiciais, aos que hai que sumar os xa dimitidos Conde Roa, Albino Vázquez Aldrei e Ángel Espadas”, indicou.

“Nunca un partido político lle fixo tanto dano á imaxe de Santiago como o Partido Popular, é imposíbel facelo peor en tan pouco tempo”, explicou, “pois o dano ocasionado é incalculábel en imaxe e en prestixio que está cidade perdeu, na falta de credibilidade do Concello como institución e na falta de confianza da veciñanza cara ao seu Goberno municipal, máis preocupado polos datos que veñen dos xulgados que polos datos do paro ou das necesidades sociais en Santiago”.

Xa fora advertido polo BNG

Este caso concreto xa fora advertido polo grupo municipal do BNG dende o primeiro momento. “O pasado mes de xullo xa denunciabamos que o pago da defensa xurídica de Adrián Varela non era, ao noso xuízo, de acordo a dereito e moito menos á ética política”, indicou.

A imputación de Adrián Varela non é por exercicio lexítimo do seu cargo, está baixo sospeita por todo o contrario, porque un xulgado de Lugo atopou indicios de falsidade documental, tráfico de influencias e suborno na súa conduta. Non fixo a solicitude despois de que quedara absolto dos cargos imputados, tal como marca a Lei para que a administración correspondente se faga cargo da súa defensa xudicial.

Ademais, a xuridisprudencia sobre estas cuestións sinala que tería dereito ao abonamento desa asistencia xurídica salvo que a intervención fose realizada “con abuso, exceso desviación de poder ou en converxencia con intereses particulares propios dos interesados ou do grupo político ou doutra índole ao que pertencen susceptíbeis de ser discernidos dos intereses da Corporación, pois en tal caso a actuación non pode considerarse como propia do exercicio da función, senón como realizada en interese particular”. Por este motivo, o BNG entende que o concelleiro Adrián Varela, neste caso, non podería facer uso de recursos públicos para a asistencia xurídica.

Renunciou ao pagamento pola presión política e social

Rubén Cela subliñou tamén que “á marxe da legalidade, están a ética, a responsabilidade política e a oportunidade”, ao fío de que este caso creou unha importante alarma social “e a mellor mostra diso foi precisamente o feito de que a presión política e social fixeron que o concelleiro en cuestión renunciase ao pagamento desa defensa; se non existise ningún problema non tería porque ter renunciado a ela”.

“No cumio do esperpento, escoitamos a voceira do Partido Popular formular acusacións moi graves e non precisamente moi verosímiles vindo do Partido Popular”, indicou en referencia á afirmación de “persecución política do poder xudicial contra o PP”. María Pardo tamén asegurou que todo se axustaba a dereito, “mais iso xa o determinará a Xustiza, pero de momento houbo unha fiscal que atopou indicios de irregularidades e unha xuíza que o ratifica”. Para Rubén Cela, “o cumio da arrogancia foi atreverse a dicir que estas novas imputacións fortalecían o Goberno local”.

O Partido Popular non pode seguir mirando cara outro lado

Como explicou Rubén Cela, a dirección do PP galego, a comezar polo seu presidente, Núñez Feijóo, non poden seguir mirando cara a outro lado como se en Santiago non pasase nada. “De todo o que pasa son culpábeis os responsábeis directos, pero tamén quen en complicidade os manteñen nos seus postos”, indicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG