O BNG defende un tren social para tod@s, non só para as elites que poden ir a Madrid máis rápido

O Bloque Nacionalista Galego, representado polo portavoz nacional, Xavier Vence, polos membros da Executiva, Goretti Sanmartín, Xosé Antonio Rubal, Ximena González e Mar Vila, polos parlamentarios Cosme Pombo e Tereixa Paz, polos alcaldes de Monforte e Allariz, Severino Rodríguez e Francisco García, polo portavoz do BNG no Concello de Ourense, Xosé Somoza e por un nutrido colectivo de militantes nacionalistas, percorreu esta tarde os camiños de ferro entre Ourense e Monforte no que foi o derradeiro acto nacional da campaña “Que non nos rouben o tren”. Trátase dunha campaña cuxo obxectivo pasa por pórlle freo aos recortes dos servizos ferroviarios que van deixar incomunicadas as comarcas do país e que van desestruturar o noso territorio.

En declaracións aos medios antes de subir ao tren en Ourense, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, aludiu á contradición dos investimentos realizados para a conexión do ferrocarril de alta velocidade a Madrid, cando os recortes do PP están a provocar que o tren en Galiza esmoreza . Así, advertiu de que “de pouco vale termos quilómetros de vías de alta calidade se os servizos que se nos ofrecen diminúen”. Nesta liña, reivindicou un tren social “para todas as persoas, non só para as elites que van poder ir mais rápido a Madrid”.

Foi moi critico o portavoz nacional do BNG coa política “centralista e madrileña” do Ministerio de Fomento. Puxo como exemplo o disparate do prezo do billete do tren Alvia da Coruña a Madrid respecto do tren Ourense-A Coruña. “Resulta incomprensíbel e absurdo que o tren que sae de A Coruña ás 8.35h custe 25,20 euros para chegar a Ourense e 19,90 euros para chegar a Madrid”, apuntou. Fronte a este despropósito, Xavier Vence reivindicou un tren de proximidade que permita a comunicación interna do país, un medio de transporte sustentábel, asequíbel, cómodo e seguro, que reduza o número de vehículos das estradas.

Ademais, o portavoz nacionalista puxo de manifesto que Galiza é unha das zonas máis prexudicadas polos recortes de servizos ferroviarios, coa supresión de 72 servizos semanais, moi lonxe dos 11 de Asturias, dos 18 de Cantabria, dos 12 de Euskadi ou dos 28 da Comunitat Valenciana. “E isto, malia sermos o único territorio do litoral do Estado que carece de servizo de proximidade, unha demanda histórica do BNG”, salientou.

Xavier Vence acusou a Feijóo de ser “cómplice” ao duro golpe aos dereitos das persoas usuarias do tren, ás que o PP priva duns servizos de calidade. Sinalou que o presidente da Xunta de Galiza é “copartícipe do certificado de defunción do ferrocarril no noso país, que esmorece, a pasos de xigante, dada a supresión de servizos imposta polo PP”.

O BNG pide que a Xunta de Galiza solicite as competencias plenas para a constitución dunha compañía ferroviaria galega

No acto público celebrado en Monforte, onde Xavier Vence estivo acompañado polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a membro do Consello Comarcal do BNG, Rosa Ana Somoza, o ferroviario Manuel Casanova e mais o xubilado de Renfe Germán López, o portavoz nacional salientou que o BNG “reivindicou historicamente unha política ferroviaria propia para Galiza”.

“O BNG foi pioneiro desde hai 20 anos na defensa do servizo de ferrocarril en Galiza, con múltiples iniciativas trasladadas aos Concellos, ao Parlamento de Galiza e ao Congreso dos Deputados, por iso nos consideramos con plena lexitimidade para reclamar melloras do servizo fronte a eliminación e supresión do ferrocarril, disfrazado con novas liñas e frecuencias do tren a Madrid”, sinalou. Así, pediu que a Xunta reclame as competencias plenas para a constitución dunha compañía ferroviaria galega e que o Goberno galego exerza como tal e represente os intereses de Galiza para reivindicar estes servizos ferroviarios fronte aos recortes que impón o Goberno do Estado.

Pola súa banda, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, unha das cidades emblemáticas polo ferrocarril, criticou o recorte de servizos, uns servizos que cualificou de “vitais” para o desenvolvemento económico e social das comarcas. Tamén cuestionou o recorte nas liñas que comunican o interior de Galiza ao tempo que se reforzan as comunicacións con Madrid. “Estas medidas van supor un empobrecemento progresivo e continuado do interior de Galiza e así é imposíbel saír da crise en concellos pequenos”, alertou no acto público.

O alcalde de Monforte insistiu na necesidade de mellorar as liñas ferroviarias, “porque os camiños de ferro poden desenvolver un papel importante no desenvolvemento económico do noso país, porque non podemos permitir que mentres o Goberno do Estado recorta liñas, a Xunta de Galiza e os alcaldes do PP estean calados mentres suprimen servizos e paradas de tren, cando a súa obriga é defender por enriba de todo a cidadanía independentemente da cor política”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG