O BNG demanda que o Goberno rebaixe o IVE cultural e o do material escolar

Rosana Pérez pón de manifesto que “a suba do IVE non só encareceu de xeito desmesurado os prezos senón que tamén está a destruir empresas e postos de traballo, e por riba, non xera as recadacións que o Goberno presumía”

Madrid, 8 Xuño 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou na Cámara unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar na que insta ao Goberno a reconsiderar o IVE do 21% fixado en setembro para o ámbito cultural e para o material escolar.

Asemade, a deputada do BNG empraza ao Executivo a abrir un proceso de diálogo coa industrial cultural do Estado español a fin de abordar a cuestión do IVE do 21% na cultura.

A parlamentar nacionalista salienta as declaracións do Ministro de Educación quen se amosou publicamente “aberto” a revisar o aumento do IVE no ámbito da cultura, “o propio titular de Cultura admitiu ser “consciente das complicacións” que provocou o incremento do IVE na cultura, sobre todo na asistencia a espectáculos, cines, teatro.

Debería garantirse o acceso á cultura e non que sexa para as élites

Denuncia Rosana Pérez que “as subas do IVE aplicadas desde setembro de 2012, que ademáis do efecto pernicioso de provocar un considerábel aumento dos prezos, non “está a xerar as recadacións que o Goberno presumía”. Pón de manifesto que “está demostrado que se produce unha contención no consumo da actividade cultural debido precisamente a ese encarecemento que, unido ás rebaixas salariais e ao aumento desmesurado do paro, fan que á cidadanía lle resulte moi difícil poder consumir produtos culturais como ir ao cinema, ao teatro ou a concertos”. Lembra que o Goberno de Rajoy incrementou o IVE que pasou na cultura do 8% ao 21%.

Máis gastos de cara un novo curso escolar

Outra das preocupacións do BNG é a suba do IVE no material escolar. “Dado o grave contexto económico polo que atravesa o Estado español e ás portas de que se inicie un novo curso escolar, tamén é preciso ter moi presente o aumento do IVE no material escolar que pasou 4% ao 21%”. A deputada do BNG afirma que “a suba do IVE resulta especialmente oneroso para as familias que deben afrontar un novo curso escolar dos seus fillos”.

A deputada do BNG pregunta ao Goberno se está disposto a reconsiderar o IVE aplicado ao ámbito cultural xa que “o acceso á cultura está empezando a ser unha cuestión de élites que o poden pagar, cando se debería garantir o acceso de toda a cidadanía aos productos culturais”.

Dirixe unha serie de preguntas ao Executivo sobre este problema: “Non considera, dadas as palabras do Ministro de Educación, que subir o IVE foi unha medida errada? Non cre que esta decisión está a levar a unha situación crítica a moitas empresas do sector, coa conseguinte destrucción de empregos?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG