O BNG apoia o movemento guatemalteco contra a violencia sexual a mulleres en Santa Cruz de Barillas

A espoliación de terras para proxectos mineiros e hidroeléctricos de multinacionais atemorizan ás comunidades indíxenas e ameazan ás mulleres con violencia sexual.

As lideresas guatemaltecas do movemento contra o espolio de terras e comunidades indíxenas, Natalia Atz e Paula Irene del Cid mantiveron hoxe un encontro coas deputadas do BNG, Ana Pontón e Carme Adán dentro do programa de visitas institucionais e sociais en Galiza para recadar apoio contra o proxecto Hidralia Enerxía xestionado pola empresa Hidro Santa Cruz na localidade de Santa Cruz de Barillas.

As representantes do movemento contra o proxecto hidrográfico afirmaron que, ademais dos colectivos de mulleres “coa ameaza constante de violación sexual” as persoas que se negan a vender as terras tamén padecen “persecución, secuestros e asasinatos”.

O proxecto de Hidralia, (con sede na cidade da Coruña), fundada por Luís Castro Valdivia, derivou nun ambiente de violencia e represión contra os opositores á hidroeléctrica rexistrando a morte de dous líderes indíxenas.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, Natalia Atz e Paula Irene Cid afirmaron que a violación dos dereitos humanos en Guatemala nun principio producíase contra as comunidades indíxenas pero trala chegada ao país das transnacionais esta violencia estendese a todo o país.

Os proxectos hidroeléctricos e mineiros, dixo, Azt, aumentaron alarmantemente o número de “secuestros e asasinatos” nos lugares nos que as empresas tentan implantarse, “hai unha deslexitimación das nosas loitas polos dereitos humanos e cada vez vivimos unha situación represiva máis forte”, denunciou.

“Estamos en Galiza, explicou para denunciar o caso de Hidralia” que está a provocar as ordes de captura contra os lideres das comunidades que se opoñen ao proxecto de Santa Cruz de Barillas.

Asemade, as representantes do Movemento guatemalteco reclaman a posta en liberdade do preso político, Rubén Herrera e deixar sen efecto 22 ordes de captura polo feito de protestar contra as intencións de Hidralia.

Violencia sexual e femixenocidio

Paula Irene del Cid explicou que as mulleres relacionadas cos presos (nais, esposas, fillas...) padecen o embargo das terras e tras decretar o goberno o estado de sitio os soldados chegados ás comunidades provocan de novo “o medo a guerra”.

As mulleres que non fuxiron as montañas e permaneceron nas aldeas coidando das terras, engadiu, foron ameazadas de “violencia sexual” e agora esta é unha estratexia utilizada polas empresas para coaccionar as mulleres a que abandonen a resistencia.

Recentemente, unha muller apareceu morta e con sinais de violencia sexual nos terreos onde unha empresa suíza pretendía implantarse, violencia sexual practicada tamén contra as mulleres nos desaloxos de aldeas para sementar palma africana para producir etanol, afirmou Paula Irene.

Para as representantes da coordinadora, “a enerxía limpa está manchada de sangre” polo que solicitaron o apoio dos grupos parlamentarios contra a instalación de explotacións mineiras, petrolíferas ou eléctricas nesta zona.

O BNG pide responsabilidades á Xunta e Goberno central

Pola súa parte, as deputadas do BNG, Carme Adán e Ana Pontón amosaron o seu apoio as reivindicacións do momento que aglutina a 38 comunidades indíxenas contra a sobreexplotación dos recursos por parte das multinacionais internacionais e que condena a poboación de Guatemala á vivir na pobreza mentres unha minoría segue enriquecéndose e vulnerando os dereitos humanos.

A nacionalista lamentou que existan empresas galegas implicadas nesta trama.

Ana Pontón anunciou a presentación de diversas iniciativas co fin de visibilizar esta situación e instou á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a actuar “para que a vulneración dos dereitos humanos, por parte dalgunhas empresas, non quede impune”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG