O BNG emprende unha campaña contra as políticas de roubo ao país

Xavier Vence O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, anunciou que a formación nacionalista iniciará unha campaña de mobilización da cidadanía contra as políticas de roubo perpetradas pola Banca, a Troika e o PP, segundo acordou o Consello Nacional.

Xavier Vence informou en comparecencia de prensa dos acordos do primeiro Consello Nacional co que culmina o proceso de renovación dos órganos do BNG iniciado na XIV Asemblea Nacional e destacou a renovación do 50% dos seus membros e a representación de todas as correntes e sensibilidades que conforman a pluralidade da fronte nacionalista. “Intégrase unha nova xeración con seiva nova do BNG que se incorpora aos máximos órganos de dirección, cunha renovación xeracional sen precedentes ha historia do nacionalismo e isto significa que no BNG está o futuro do nacionalismo e un futuro esperanzador para este país”, subliñou.

Sinalou tamén o “espírito de unidade” nos acordos e na escolla das listas presentadas nas comarcas. “Estamos comezando unha etapa na que o BNG saca músculo do mellor da súa militancia, cunha gran cohesión, para levar adiante un proxecto político ilusionante para todo o país e á altura dos retos da sociedade galega para afrontar as consecuencias da actual crise institucional, social e económica”, afirmou.

Gañar a batalla da ideas

“O primeiro que cómpre facer é derrotar o PP”, anunciou, “cómpre gañarlle primeiro a batalla das ideas, a batalla social, e convencer o conxunto da cidadanía de que as apostas políticas da dereita europea, española e galega conducen o país ao colapso”. Para iso, sinalou, “cómpre ser valentes como país para erguer unha alternativa que evite esa situación de colapso ao que nos abocan as políticas do PP”.

Entre as iniciativas que porá en marcha o BNG, aprobadas polo Consello Nacional para plasmar as decisións da última Asemblea Nacional, anunciou unha campaña de mobilización da cidadanía contra as políticas de roubo perpetradas pola banca, a Troika e o PP contra o país e contra a cidadanía, “que será aberta a todos os movementos sociais, sindicais e forzas políticas para sumar forzas e emprender unha batalla que free este proceso de deterioro”.

Avanzou que se trata dunha campaña contra a banca “que espolia a cidadanía e persoas aforradoras, que nega crédito á economía produtiva e contra o PP que lexisla e lle dá cobertura ás súas políticas e atende os intereses únicos da elite financeira”.

Revitalización da conciencia nacional

Ao mesmo tempo, o BNG quere impulsar o proceso de renovación e de revitalización da conciencia nacional do país e, para iso, “participará coa cidadanía comprometida coa causa da soberanía de Galiza nun proceso de refortalecemento da conciencia nacional”.

Contra a corrupción

Manterase tamén a campaña “de denuncia da inmoralidade instalada á fronte da Xunta de Galiza como consecuencia dos numerosos casos de corrupción que lle afectan ao PP e ao seu financiamento”, sinalou, “pola humillación que representa para o país a vinculación que poñen en evidencia as fotos de Núñez Feijóo co mundo do narcotráfico”.

O BNG continuará, así mesmo, co labor de dignificación do país, da vida política, da democracia e dos dereitos económicos dos sectores sociais máis abatidos pola crise social e polas políticas da dereita.

Integrantes Consello Nacional do BNG (pdf, 129 KB)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG