República galega soberana e democrática fronte á Monarquía caduca

Xavier Vence, acompañado dos membros da Executiva Nacional, Saleta Chao, Néstor Rego e Rafa Vilar presenta en Compostela o manifesto “GALIZA POLA REPÚBLICA”

O BNG elixiu a pousada Airas Nunes, ao carón do taller de imprenta de Anxel Casal, último alcalde republicano de Santiago de Compostela, para presentar o manifesto “GALIZA POLA REPÚBLICA”.

No transcurso dun almorzo informativo, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado dos membros da Executiva Nacional, Saleta Chao, Néstor Rego e Rafa Vilar, defendeu que Galiza precisa “dun marco político novo” para poder gobernarnos nós e saír dunha crise provocada pola “ditadura dos mercados”.

Vence manifestou que “Galiza non é monárquica” e avogou por unha “república democrática” onde a soberanía resida no pobo galego, fronte unha monarquía garante da unidade do Estado español e pensada para dar cobertura ao centralismo que, que por outra parte, dixo, está a vivir o seu “gran esplendor” da man do Partido popular.

Dende o BNG apostamos por “unha república galega, soberana, democrática e en pé de igualdade con todas as nacións europeas e do mundo”. Na na véspera da conmemoración da República do 1931, afirmou, faise necesario construír unha nova sociedade onde sexan respectados a xustiza e a igualdade, a educación, a sanidade, os dereitos das persoas, a terra e os dereitos nacionais.

Trala lectura do manifesto ante os medios de comunicación por Saleta Chao, o líder do BNG á preguntas dos xornalistas indicou que neste momento non se plantexa a posibilidade dun “referendo” pero si  de abrir un debate na sociedade por mor do “descrédito da monarquía e das institucións, incluída a propia Xunta de Galiza”, queremos provocar ese debate para plantexar cambios no futuro para “mudar a situación” e camiñar cara este novo escenario. Para isto, dixo, queremos traballar coas forzas de esquerda, republicanas e desde o soberanismo que queiran compartir connosco esta tarefa.

 A Fiscalía debe investigar as axudas a Marcial Dorado

A preguntas dos xornalistas, o portavoz do BNG respondeu que a Fiscalía debe analizar as subvencións e contratos relacionados co narcotraficante, Marcial Dorado para esclarecer se existen causas de “nulidade” que conleven a devolución das cantidades percibidas.

Vence advertiu que as axudas recibidas por Marcial Dorado, gobernando Núñez Feijóo, “non parecen moi claras nin en que condicións se entregaron 5.000 euros” polo que reiterou que a documentación debe ser remitida a Fiscalía, aínda que non sabemos, ironizou, si a “trituradora de papeis de Fraga funcionou ben” e esta documentación xa non existe.

O nacionalista volveu reclamar, como fixera onte o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, “toda a documentación” relativa ás facturas, subvención e contratos coas empresas de Marcial Dorado desde os anos 80 e 90 e ate o 2013.

Feijóo fuxe a México tras poñer o ventilador a funcionar

Xavier vence criticou que Feijóo “poña a funcionar un suposto ventilador” cando resulta “inmoral e inadmisible” que mantivera unha estreita relación cunha persoa como Marcial Dorado o que, na súa opinión, “invalídao para dirixir Galiza”. O problema, engadiu é de tipo moral, “non é un problema de corrupción económica”.

Para Xavier Vence, os militantes do Partido popular “están indignados da imaxe do Presidente Feijóo cun narcotraficante”, isto non é unha guerra entre Feijóo e a oposición, explicou, é unha cuestión que afecta a “valores transversais e que afecta a toda a cidadanía, incluída a que vota ao Partido popular”.

Vence cualificou de “improvisada” a viaxe de Feijóo a México e inducida polas fotos publicadas nun xornal, “é unha fuxida das súas responsabilidades” e sobre todo, para non dar explicacións do seu “affaire” con Marcial Dorado.

Unha viaxe institucional sen obxectivos

O portavoz do BNG concluíu dubidando das xestións previstas polo Presidente da Xunta no país azteca aínda que asegurou que se nalgún momento chega algunha acción para resolver a situación do naval galego, o BNG saudará o conseguido pero “dubido que está sexa a principal motivación da súa viaxe”, recalcou.

Manifesto: Galiza pola República.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG