A Eurocámara pide a retirada do anteproxecto da Lei Wert

O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo considera que a proposta lexislativa do Executivo de Rajoy está “marcada ideoloxicamente e pretende facer retroceder as linguas galega, catalana e vasca”

O Integrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo aprobou hoxe unha declaración en contra do anteproxecto de lei de Educación do Goberno español, declaración impulsada de xeito conxunto por un grupo de representantes da Eurocámara entre os que figura a eurodeputada do BNG Ana Miranda, Raul Romeva (ICV) e Ramon Tremosa (CiU).

O texto da declaración pide ao Goberno central que retire o anteproxecto, dado que está “marcado ideoloxicamente” e vai en contra da igualdade e da diversidade lingüística que propugna a Unión Europea. Na iniciativa, o Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo acusa ao Goberno español de “non querer mellorar os estándares educativos, senón de ter como obxectivo facer retroceder as linguas galega, catalana e vasca”.

Cabe salientar que o Parlamento Europeo votou en 2009 o informe Multilingüismo: un activo para Europa e un compromiso común, que define o sistema de inmersión lingüística como a ferramenta máis eficaz para promover o multilingüismo.

"Somos unha Europa multilingüe e o galego forma parte desta Europa”, salientou Miranda durante a intervención parlamentar, na que denunciou que o anteproxecto de Lei de Wert “é un ataque frontal á realidade plurilingüística de Galiza, Catalunya e Euskadi, ademais de supor unha invasión das competencias das nacións con lingua de seu".

Neste sentido, o BNG xa ten solicitado a retirada da proposta lexislativa e a reprobación do ministro impulsor dun texto que cualifica de “centralista e retrógrado”. Por contra, a formación nacionalista defende un modelo educativo público, laico e de calidade, na que os alumnos podan aprender na súa propia lingua.

O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo está formado por 55 eurodeputados e eurodeputadas representantes de 15 Estados membros e da práctica totalidade das formacións políticas presentes na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG