Novo veto do PP a investigar a xestión das caixas

A portavoz do G.P. do BNG, Ana Pontón, acusou este mércores ao Partido Popular de ser “cómplice” do engano e da “estafa” que supón para o conxunto dos galegos a desaparición das caixas galegas e afirmou que só dende esta perspectiva se pode entender o novo veto do grupo popular a que se constitúa unha comisión de investigación.

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, lamentou que o PP dera a “calada por resposta” e nin se posicionara sobre un novo intento do BNG para crear a dita comisión, cando no pasado mes de Outubro os populares aseguraban que antes de finalizar o 2011 estarían en disposición de constituila.

“O PP –engadiu a voceira do BNG- sigue amparando todo o proceso de desaparición e nefasta xestión das Caixas e os galegos e galegas teñen dereito a saber que pasou, quen é o responsábel das escandalosas indemnizacións e por que estas non foron devoltas”.

Futuro NGB

A parlamentar explicou que para o BNG é fundamental non só aclarar o que pasou coas caixas senón tamén velar polo futuro do sistema financieiro galego no mapa estatal, por iso no próximo pleno prantexarán esta cuestión ao Goberno, tanto a través da pregunta a Feijóo como a través dunha interpelación.

Por acción ou por omisión Feijóo é responsábel do espolio do aforro dos galegos  e galegas

Para Ana Pontón, Feijóo non pode seguir eludindo a súa responsabilidade, “pois por acción ou por omisión –dixo- é o responsábel directo do espolio do noso aforro”, ten que rachar coa súa pasividade e traballar para que o futuro de NGB non sexa nin a venda a fondos estranxeiros nin o deseño anunciado por De Guindos, de integrala nunha grande entidade, “pois o resultado práctico sería o mesmo para o noso País”.

Banca pública para un cambio de modelo

Neste sentido, lembrou que o aforro dos galegos e galegas debe servir para o desenvolvemento económico de Galiza e para facilitar o crédito aos cidadáns particulares, autonómos e pequenas e medianas empresas, “por iso dende o BNG imos insistir noutras alternativas, e iso pasa por unha Banca Pública”.

A voceira nacionalista asegurou que Feijóo se ten convertido nun “títere” ao servizo da grande banca e dos intereses da direción madrileña do PP e lembrou que os distintos procesos de reestructuración financieira que se teñen dado demostraron ser un fracaso, que só serven para “socializar as perdas, tapar as perdas da banca privada mentres se sigue especulando”.

Os distintos procesos de reestructuración financieira son un fracaso que só socializan perdas mentres se segue especulando

Neste contexto, reiterou que só a banca pública pode supor un cambio de modelo, é a alternativa xusta que pode ter un efecto real na economía da xente e do País, “por iso forma parte xa da realidade de moitos países en Europa e no mundo, de feito hai xa 14 estados de EEUU que a están estudando”.

Orde do día

Sobre os demais asuntos que o BNG levará ao próximo pleno, Ana Pontón salientou unha proposición de lei con medidas urxentes no ámbito da lexislación hipotecaria, ante as máis de 6.000 persoas que perderon a súa vivenda por mor da crise.

Os recortes en sanidade volverán ser denunciados a través dunha moción e no turno das proposicións non de lei, os nacionalistas falarán do futuro de Ence e da proposta de demarcación xudicial que tan nefasta vai ser para Galiza.

Finalmente, o BNG preguntará polo trato privilexiado que a Xunta dá á Fundación Camilo José Cela, polo futuro do programa de Preescolar na casa e polo proxecto de mina de ouro en Cabana de Bergantiños.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG