Rosana Pérez censura o pacto bipartidista sobre o procedemento após a abdicación do rei

XUNTA PORTAVOCES 3 XUÑO 2014 016A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, deixou claro ao remata da Xunta de Portavoces da Cámara que a oposición do BNG ao procedemento elexido polo bipartidismo, PP-PSOE, pola abdicación do Rei Juan Carlos, anunciada onte, consistente nun proxecto de lei orgánica de leitura única que acotará o debate a unha única xornada plenaria.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Rosana Pérez sinalou que “se acaba de efectivizar a decisión do bipartidismo estatal, PP e PSOE, escollendo un procedemento que contou coa oposición do BNG”. Censurou a tramitación elexida que cualificou de “exprés, unha tramitación fulminante”.

O BNG en contra de furtar debates á sociedade de grande trascendencia

A deputada do BNG fixo a seguinte reflexión en relación ao debate existente na rúa sobre a decisión xa pactada de continuar cunha monarquía sucesoria: “Tanto nas pasadas elecións do 25 de maio como as movilizacións de miles de cidadáns en moitas cidades do conxunto do estado e Galiza, deixaron de manifesto que a cidadanía non está disposta a participar nunha democracia formal consistente en votar cada catro anos”.

“Hai que abrir un proceso constituínte”

Rosana Pérez salientou que “decisións desta trascendencia deben contar co debate non só dos grupos parlamentares senón tamén da cidadanía. É o primeiro debate destas características en corenta anos e non se pode furtar o debate aos grupos parlamentares e á cidadanía”. Subliñou que “o BNG aposta por un proceso constituínte no que se contemple a plurinacionalidade do estado e se recoñeza o dereito a decidir das tres nacións (Galiza, Catalunya e Euskal Herría) recoñecidas como nacionalidades históricas na Constitución”.

Por último, desvelou que a pesar de se tratar dun procedemento exprés, o BNG presentará emenda á totalidade á lei orgánica presentada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG