Jorquera: “ Galiza en emerxencia nacional despois de cinco anos de Goberno de Feijóo”

Francisco Jorquera preguntará en sesión plenaria se despois de cinco anos, Feijóo pode seguir afirmando, como fixo nas eleccións autonómicas, “que se presentou contra a crise económica”

Comparecencia de Francisco Jorquera

Tras a Xunta de portavoces, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera deu conta dos debates incluídos na vindeira sesión plenaria entre os que destacou a pregunta que lle formulará ao Presidente da Xunta, “despois de cinco anos, sigue vostede afirmando que se presentou contra a crise económica?.

Para o deputado, cinco anos despois das eleccións que levaron a Núñez Feijóo ao Goberno galego, “Galiza vive unha auténtica situación de emerxencia nacional” como confirman os datos económicos. Estes días, explicou, facíase público que mil nenos galegos necesitan comedor escolar para “non pasar fame”, Galiza sitúase entre as comunidades con máis demoras nas solicitudes de atención á dependencia e a redución no gasto sanitario lévanos a ocupar a terceira praza con menos investimento en sanidade por persoa.

Sen embargo, abondou, “Feijóo continúa afirmando que as políticas sociais foron blindadas” e Galiza capeou a crise mellor que ninguén.

Francisco Jorquera

O Presidente das Xunta “nega a evidencia” e desvía a atención declarando que a única crise que existe é a “da esquerda e o nacionalismo” pero non menciona a crise do bipartidismo ou a do réxime nacido da transición. Nas últimas eleccións o PP perdeu 15 puntos tamén en Galiza e existe unha maioría incontestábel a favor do dereito a decidir en Catalunya e Euskadi, “máis cedo ou tarde, isto terá reflexo en Galiza”, recalcou.

Indulto para Ana, Tamara,Carlos e Serafín

Por outra banda, o BNG solicitará o indulto para as dúas traballadoras condenadas ao cárcere por participar nun piquete contra as condicións laborais nas piscinas de Campolongo ano 2010 e porá de releve “o dobre raseiro do Partido popular” tras aprobar o indulto do garda civil, “fillo do do secretario xeral do Partido popular de Asturias”, que gravou co seu teléfono móbil a escena dunha agresión sexual a unha muller, mentres ría da vítima, e ao home que tentou socorrela.

Jorquera resaltou que o Goberno aplica unha estratexia de criminalización e represión das protestas sociais con multas e sancións administrativas e de maneira máis grave ordes contra persoas como Ana e Tamara e Carlos e Serafín a piques de ingresar en prisión por implicarse como traballadores/as en protestas laborais.

Iniciativas do BNG na vindeira sesión plenaria

Asemade, o BNG tamén preguntará polas razóns que manteñen paralizada a Plataforma loxística Salvaterra-As Neves, PLISAN, o incremento do canon das autovías do Barbanza e Salnés para compensar economicamente ás concesionarias, o anteproxecto da Lei de Mutuas da Seguridade social que implicará máis privatización da sanidade pública, e a declaración institucional de adesión ao Dominio.Gal

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG