Davila pregunta á Secretaria de Igualdade por que non se cumpriron as ordes de alonxamento

COMISION AGRO 005A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse esta mañá á Secretaria de Estado de Igualdade para pedirlle explicacións en relación concreta aos casos nos que se incumpriron as ordes de alonxamento.

“Cómo se vixían os incumprimentos de ordes de alonxamento?”

Así se refería tanto ao caso de onte sucedido nun pobo de Madrid no que morreu unha muller, e ao acontecido en Vilagarcía onde a ex parella se queimou diante da casa dela . As dúas mulleres tiñan denunciado as agresións que padecían e contaban con ordes de alonxamento. “Como é posíbel que se vulneraran as ordes de alonxamento? Que está pasando? Cómo se vixían as ordes de alonxamento? Que medidas se levan a cabo por parte dos axentes en relación aos maltratadores que incumpren as ordes de alonxamento?”, son algunhas das cuestións que a deputada do BNG plantexou á Responsábel de Igualdade.

A deputada do BNG chamou especialmente a atención sobre este feito que “considerou alarmante”. Na súa resposta á deputada do BNG, a Secretaria de Estado admitiu a Davila que “as mulleres asasinadas que pediron axuda e foron asasinadas, é un fracaso para este Goberno”. Tamén engadiu que é preciso mellorar a proteción ás mulleres en situación de violencia de xénero aínda que “é moito o que se fixo nos últimos anos”.

Na súa intervención, Davila apuntou a unha das causas do retroceso das políticas en materia de igualdade e en materia de violencia de xénero: os recortes e as reducións orzamentarias. “Hai unha redución importante das partidas para estes ámbitos, un claro retroceso”, e demandou que as mulleres non teñan que pagar os efectos duns recortes que anulan políticas imprescindíbeis para avanzar na igualdade.

Así, puxo de manifesto a maior precariedade laboral que sofren as mulleres, así como unha taxa de paro máis alta que a dos homes. “Un factor que as fai máis dependentes dos ámbitos familiares e das súas parellas e que as paraliza para poder saír de círculos terríbeis como o da violencia de xénero”.

Davila tamén puxo enriba da mesa outro factor de preocupación como é o aumento da violencia de xénero entre os adolescentes e na mocidade. E reclamou á Secretaria de Estado medidas que vaian máis alá de campañas publicitarias. En concreto, demandou medidas a aplicar no sistema educativo “para impedir non só que haxa homes violentos e agresivos, senón para que as mulleres poñan freo e teñan os mecanismos precisos para detectar este problema”.

Por último, a deputada do BNG alertou sobre as consecuencias da Reforma Local en materia de violencia de xénero posto que vai afectar a importantes servizos que teñen e custean os concellos nesta materia. Así pediu á Secretaria de Estado que non se permita a eliminación dos servizos propios dos consistorios para axudar ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG