O BNG rende homenaxe a Domingos Merino

Comisión organizadora da homenaxe a Domingos MerinoA man de Felipe Senén soñou unha Torre de Hércules de clara inspiración lugrisiana que debuxa un haz de luz con xeometría de estrela vermella de cinco puntos, por se non estivera claro o fragmento do discurso pronunciado o 19 de abril de 1979 no salón capitular de María Pita sácanos de dúbidas “A Cruña ten que ser un faro prá Galiza”: chegou o momento de rendir tributo a un dos bos e xenerosos; o primeiro alcalde democrático da Coruña, Domingos Merino.

Será este martes 29 desde as 20 h no Circo de Artesáns da Coruña (Rúa Santo André 36), a asociación cívil máis antiga de Galiza acollerá unha homenaxe que, impulsada desde o BNG, ten como protagonista fundamental a voz da cidadanía á hora de poñer en valor a figura do noso compañeiro Domingos Merino.

Ao cumprírense 35 anos da proclamación de Domingos Merino como primeiro alcalde democrático da Coruña logo de catro décadas de ditadura, o BNG, como legatario da súa figura e obra política reivindica o seu papel histórico no nacionalismo contemporáneo; como o alcalde do cambio democrático na Coruña, pero tamén como un lider político de primeira orde que apostou decididamente pola unidade de acción do nacionalismo galego.

Domingos Merino resultou unha peza fundamental para facer do BNG a casa común dos nacionalistas e, desde a firmeza na defensa das súas conviccións, soubo sumar vontades para construir o proxecto unitario do nacionalismo que hoxe é o BNG.

Reivindicar e poñer en valor a súa persoa é viaxar até A Coruña de hai tres décadas e media, unha cidade que espertaba á liberdade e que sorprendeu a propios e extranos cando nas eleccións municipais do 3 de abril de 1979 escolleu nas urnas 5 concelleiros de Unidade Galega (2 do PSG, 2 do POG e 1 do PG) e 2 do BN-PG, o que propiciou, logo dos “Pactos do Hostal” que un veciño de Montealto alleo á burguesía coruñesa domnante asumira o bastón de mando en María Pita.

Xustamente unha viaxe á Coruña de Domingos Merino pretende ser a homenaxe do vindeiro martes 29. Contaremos cunha guía de excepción, a actriz Isabel Risco, galardoada recentemente cun premio Mestre Mateo, e que, na presentación do acto, se reivindicaba, xunto con Xurxo Souto como parte “do continxente de fillos e fillas de Domingos Merino”, xa que pertencen a unha xeración que viviú na súa infancia a estadía de Domingos Merino á fronte do concello coruñés.

Polo vetusto escenario do Circo de Artesáns pasarán os máis importantes expoñentes do mundo cultural na Coruña: ao propio Xurxo Souto, que actuará co seu conxunto Os Tres Trebóns, sumaráselle o pai do rock en galego; a figura mítica e carismática de Xosé Manuel Pereiro, inconfundíbel voz de Radio Océano que naquela altura exercía de corresponsal na Coruña do Faro de Vigo.

Haberá espazo tamén para poñer en valor á vangarda poética do momento; escoitaranse as voces de Xabier Seoane, Miguel Mato e Xulio López Valcárcel, integrantes da xeración de Amor e Desamor, animadora cultural da vida coruñesa no primeiros 80.

Achegaremonos tamén ao aspecto máis persoal de Domingos Merino, sumerxíndonos nos seus gustos musicais máis persoais e intransferíbeis; facendo parada na súa querencia pola música clásica e a súa predilección sempiterna polo fado, para o cal contaremos con Miguel Ladrón de Guevara, extraodinario músico coruñés, e a voz profunda de Iria Peña.

O portavoz do BNG na Coruña Xosé Manuel Carril daralle a benvida aos asistentes e en nome do conxunto da organización o Portavoz Nacional, Xavier Vence, saudará a figura de Domingos Merino.

Será tamén tempo de recordar a vitalidade da Coruña naquel momento histórico; Felipe Senén, director do Museo Arqueolóxico, representantes das agrupacións culturais O Facho e Alexandre Bóveda, o histórico libreiro Pepe Díaz da librería Couceiro, pioneira na venda do libro en galego ou Antonio Campos expresidente do Instituto de Estudos Políticos e Sociais. Todos eles participarán da regalía a Domingos Merino.

Todo elo antes de contar coa presenza fundamental de quen foi, en plena xuventude, o xefe de prensa de Domingos Merino na Alcaldía da Coruña; unha figura referencial nas letras galegas contemporáneas; o escritor e xornalista Manuel Rivas.

Trátase pois dun acto aberto ao conxunto da sociedade, cunha forte compoñente cidadá; plural e diversa. Unha cita inexcusábel baixo a chamada a facer xustiza ca figura política e humana de Domingos Merino.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG