Rosana Pérez deixa claro que o BNG non estará na proclamación de Felipe o 19 "por coherencia"

XUNTA PORTAVOCES 3 XUÑO 2014 016A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, afirmou hoxe após da xunta de portavoces que “mañá o PP e o PSOE van consumar o xa pactado e furtar o debate aos grupos políticos e á cidadanía”, en referencia ao breve debate sobre a lei orgánica de abdicación do Rei Juan Carlos en procedemento de leitura única.

A deputada do BNG censurou as presas do bipartidismo cun procedemento “de urxencia acordado por PP e PSOE”. Para Rosana Pérez “era o momento idóneo de abrir un debate en profundidade a toda á sociedade”.

Nese sentido, explicou que o BNG presentou unha emenda á totalidade con texto alternativo que plantexa a celebración dun referendo no prazo dun mes após a aprobación da lei orgánica, e enfatizou a necesidade de abordar un novo modelo de estado “que debería contemplar o recoñecemento da soberanía das nacións e do dereito a decidir”.

“Por coherencia, o BNG non estará no acto de proclamación o 19”

Para o BNG “é o momento porque os procesos están moi avanzados en territorios como Catalunya e o País Vasco, e en Galiza, puntualizou, o BNG está a realizar un labor pedagóxico para explicar á cidadanía os beneficios que reportaría ter capacidade plena de decisión”. Reprochou ao Goberno do PP que “mire de novo para outro lado, e fagan un pacto como o que fixeron no 78”.

Anunciou que o BNG non estará presente no acto de proclamación do príncipe Felipe como Rei o vindeiro 19 de xuño: “o BNG non estará por coherencia coas nosas posicións e coas propostas que facemos na emenda que defenderá mañá a portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, no pleno”.

En canto ás decisións da xunta de portavoces, Rosana Pérez criticou que “por segunda semana se altere a orde do día da Cámara e decidan non celebrar pleno”. Engadiu que o BNG “fixo chegar a súa queixa á Mesa da Cámara por eliminar o pleno e a sesión de control”. E no que atinxe ao procedemento da sesión de mañá mércores, denunciou que a Mesa do Congreso decidira tramitar todas as emendas presentadas como emendas de devolución cando formacións como o BNG presentaron unha emenda á totalidade con texto alternativo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG