Cumprido o obxectivo de dar voz directa a Galiza na Eurocámara, cun resultado mellorable en votos

 “Non son os resultados que nos gustarían en termos de votos, porque aspiramos a que o nacionalismo sexa maioritario no país, pero igualmente a Executiva nacional fai unha valoración positiva toda vez que o BNG cumpriu o seu principal obxectivo político: dar a Galiza representación directa na Eurocámara desde o momento cero”.

Con estas palabras sintetizaba o portavoz nacional, Xavier Vence, a valoración do órgano de dirección do Bloque do resultados do 25M.

Vence explicou que no escano compartido con Bildu, Ana Miranda será eurodeputada durante 18 meses, igual que na pasada Lexislatura, pero vai presentar todo tipo de iniciativas e propostas en defensa de Galiza “desde o minuto cero”, a través do Grupo Parlamentario da Eurocámara no que se integre a coalición Os Pobos Deciden.

O portavoz nacional salientou que o resultado do BNG é especialmente meritorio no contexto de campaña marcada pola austeridade, pola censura nos medios públicos e polo intento de criminalización da coalición electoral cos nacionalistas vascos por parte do PP. Neste contexto, perder apenas un punto en porcentaxe de voto é asumible, dixo.

“Somos perfectamente conscientes de onde vimos, de onde estamos e a onde queremos chegar”, en referencia ao proceso de fragmentación sufrido polo nacionalismo. Vence tamén enfatizou o que entende como conclusión clara destas eleccións.

“A campaña puxo de manifesto que temos o motor a punto, que temos unha organización cohesionada, ilusionada e traballando en todos os frontes, na rúa cos movementos sociais, nos concellos onde gobernamos e nas institucións”. Organización, dixo, “e folla de ruta con alternativas claras para as necesidades da sociedade do momento”.

En clave xeral, Vence subliñou que os resultados electorais certifican a crise do “bipartidismo harmónico españolista”, transfondo dunha crise institucional máis ampla, que se traduce nunha fragmentación e unha volatilidade políticas que explican os resultados do 25M.

Porén, non considera que “sexa un panorama político definitivo, nin que se poda extrapolar os resultados a outros comicios, como por exemplo os municipais”. “Hai forzas políticas que xorden en tres meses, pero que tamén en tres meses poden ter un resultado moi diferente”, recalcou.

Si quixo deixar claro que o BNG “quere ser o referente” en Galiza de todas as persoas que apostan “por proxectos de esquerda e contestatarios, de todas as persoas que se enfrontan a Troika e as políticas de recorte”. Igualmente, o Bloque non renuncia a seguir traballando pola unidade de acción do nacionalismo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG