O BNG volve a reclamar o abono da parte da paga extra dos/as empregados públicos

Tereixa Paz pide ao Goberno que cumpra as sentenzas xudiciais e proceda á devolución das cantidades “indebidamente expropiadas”

A deputada do BNG, Tereixa Paz en debate parlamentario

 Pleno.- A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe, a través dunha moción, o cumprimento das sentenzas xudiciais que prevén a devolución de parte das pagas extras non abonadas ás e os empregados públicos.

Tras as alusións ás herdanzas políticas mencionadas pola portavoz do PP, Paula Prado, a deputada do BNG lembrou que á chegada do Partido popular á Xunta no ano 2009 herdou “unha débeda viva de 3.923 millóns de euros” e no mes de decembro do 2013 a Xunta xa contaba cunha débeda de 9.131 millóns de euros, “isto si que é unha herdanza de la hostia” dixo, Tereixa Paz parafraseando a propia Prado nunha conversa incluída no sumario da operación Pokemon instruída pola Xuíza Pilar de Lara.

A parlamentaria do BNG asegurou que o PP “nunca di a verdade” e por iso defende que os recortes aplicados aos empregados públicos eran reversíbeis, sen embargo, votan sistematicamente contra as propostas para poñer en marcha un proceso de negociación cos representantes deste colectivo para restituír os dereitos “expropiados”.

Tereixa Paz no Parlamento galego

Tereixa Paz tamén lembrou que foi aprobada unha lei para que ao cabo de dous anos, “no caso de mellorar a situación económica” foran revisadas as disposicións desa lei pero pasado un ano e a través dos orzamentos da Xunta, explicou, produciuse unha “modificación” para seren ampliadas un ano máis as medidas que inicialmente eran provisionais.

A deputada advertiu que de non mudar a normativa, as medidas acabarán sendo “definitivas” polo que reclamou de novo abonar a parte das pagas extraordinarias ás e aos empregados públicos como indican diferentes sentenzas xudiciais.

Finalmente, a Moción do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG