Rosana Pérez trasladará a Wert as críticas da Plataforma Galega do Ensino Público sobre a LOMCE

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, mantivo esta mañá na sede nacional do BNG unha xunta con representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para abordar a LOMCE.

A deputada do BNG manterá unha entrevista co Ministro de Educación, José Ignacio Wert, o vindeiro xoves día 20 de xuño pola mañá.

A reunión coa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público enmárcase na vontade do BNG de servir de correa de transmisión entre a comunidade educativa galega e o Ministro de Educación, a fin de poder trasladarlle no encontro previsto as críticas, as propostas e as necesidades de cambiar a LOMCE partindo dunha base mínima de consenso que actualmente non existe.

A lei debe partir dun consenso coa comunidade educativa

Neste sentido, Rosana Pérez explicou na xunta a posición “totalmente contraria do BNG á LOMCE, cuestión que nos levou a peder a demisión do Ministro por servir a intereses moi distintos aos que demanda a inmensa maioría da sociedade”. Asemade, afirmou que o BNG “deixou clara a súa posición na comparecencia de Wert do pasado 22 de maio, onde lle dixemos que é unha lei incentivada pola xerarquía da Igrexa católica, pola patronal do ensino privado e concertado, e polos sectores máis reaccionarios da dereita”.

A cuestión de dar axudas á centros que segregan por sexo foi moi criticada, así como a priorización do ensino privado por riba do público.

Neste sentido, outro dos temas moi comentados foi o relativo ás reválidas, e houbo coincidencia en canto a sinalar que “a segregación por sexo e a incentivación do ensino privado vai introducir elementos discriminatorios, segregando ao alunado a unha idade moi temperá, e non só pola cuestión do sexo senón tamén pola condición socio-económica”.

A deputada do BNG coincidiu na súa análise da LOMCE cos criterios da Plataforma Galega do Ensino Público, especialmente na cuestión de apostar por un ensino público, laico e respeitoso coas outras linguas do estado. “Unha lei que se rixe pola imposición lingüística favorecendo a españolización do alunado nos territorios como Galiza, onde a cidadanía e as CC.AA terán que custear a escola privada do alunado que queira escolarizarse en castelán”.

Ademáis censuraron a invasión das competencias autonómicas en materia educativa.

A deputada do BNG comprometeuse coa Plataforma a expresar o malestar da comunidade educativa pola LOMCE, tanto polo seu contido como polas formas. “Non foi froito dun consenso, senón dunha imposición, e por riba, cuestiona de arriba a abaixo o sistema educativo público, laico e plurilingüístico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG