Pontón propón un gran pacto de pola auga que inclúa un plan de infraestruturas hidráulicas dotado con 300 millóns de euros

A portavoz nacional pide impulsar a I+D+i para acadar unha xestión máis eficiente dun recurso vital e dar resposta aos desafíos do cambio climático

Defende a transferencia a Galiza das competencias sobre a bacía Miño-Sil

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo un gran pacto da auga en Galiza para mellorar a eficiencia na xestión “dun dos bens máis importantes, e cada vez máis escaso, que temos no País”. Un pacto que, segundo explicou, permita planificar as grandes inversións e infraestruturas hidráulicas que se precisan e dar resposta aos desafíos do cambio climático.

Dentro da ronda de contactos que vén mantendo cos axentes sociais, Pontón visitou en Santiago as instalacións de Espina&Delfín, onde mantivo un encontro cos directivos desta empresa dedicada ao sector da auga. Foi neste escenario onde avanzou que o BNG vai presentar no Parlamento unha proposta para ese gran pacto de País, aberto as diferentes administracións e axentes implicados, co que consensuar as actuacións e os investimentos até o ano 2032.

Visita Espina&Delfín
Visita Espina&Delfín

A proposta nacionalista, segundo adiantou, inclúe un “plan de choque” para mellorar as instalacións do ciclo integral da auga. Trátase dun plan a tres anos que estaría financiado por Xunta, Estado e Administración local e dotado de 100 millóns de euros anuais, no que se daría prioridade a cuestións como a renovación de redes e experiencias innovadoras de aforro e reutilización da auga, a dixitalización e automatización, o aproveitamento de augas pluviais, o apoio ao sector primario ou a redución no consumo.

Pontón avogou, neste sentido, pola creación de “refuxios climáticos” para dar resposta aos períodos de escaseza de auga, cada vez máis frecuentes por mor do cambio climático. Defendeu, ademais, a necesidade de facer “unha aposta moi potente” pola innovación e a investigación para “anticiparnos aos problemas que a seca pode provocar” tanto no que ten que ver co abastecemento humano como dos sectores económicos. Entre outras cuestións, o BNG propón a creación dunha cátedra da auga.

“A auga é un en escaso e cada vez vai selo máis, polo que cómpre un cambio de actitude en relación coa súa xestión”, afirmou a líder do BNG. De aí a súa aposta por asumir os “principios da nova cultura da auga”, sustentados na protección e conservación dos recursos, a eficiencia, o aforro e a reutilización.

Pontón aproveitou para reclamar a transferencia a Galiza de todas as competencias en relación á xestión dos  recursos hídricos, outra das patas no pacto da auga que propón o Bloque. “É fundamental que teñamos a capacidade de xestionar dende aquí todos os nosos recursos”, subliñou, considerando unha anomalía que o 60 % do territorio, os ríos máis caudalosos (Miño e Sil) e zonas sensíbeis como A Limia estean xestionados no ámbito hidráulico por organismos que dependen do Estado. É por iso que demandou a xestión dende o País da bacía Miño-Sil, agora competencia do Estado.

“A auga é un ben escaso, un ben público que debemos coidar e polo que debemos traballar”, concluíu Pontón.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG