Pontón: “Fracaso e oportunidade perdida porque Rueda non foi a defender os intereses de Galiza senón os do PP”

“Estamos ante un presidente desleal que non defende a axenda galega, senón a axenda do Partido Popular”, reprocha a líder nacionalista

“Quere que Galiza xogue en terceira división, negándolle un modelo de financiamento que xa ten Euskadi e vai conseguir Catalunya”, alegou

A portavoz nacional, Ana Pontón, resumiu a reunión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co titular do Executivo central, Pedro Sánchez, como “un fracaso e unha oportunidade perdida para Galiza” porque, recalcou, “lamentablemente, o señor Rueda non foi a defender os intereses dos galegos e das galegas, senón os intereses do Partido Popular”.

“Para Rueda o PP está por riba de Galiza”, afirmou Pontón, quen recalcou que o titular do Goberno galego non acudiu á reunión con Sánchez a defender a axenda galega, senón a axenda do Partido Popular, demostrando así que “non foi á Moncloa como o presidente da Xunta, senón como un delegado de Feijóo”.  A líder nacionalista indicou que este é o motivo polo que Rueda rexeita algo tan positivo para Galiza como demandar unha quita da débeda, negociada polo BNG no acordo de investidura.

“Vemos como a súa estratexia partidista a leva a tal punto que está disposto a que os galegos e as galegas perdamos centos de millóns de euros única e exclusivamente para seguir as directrices que lle manda o Partido Popular de Madrid”. Rexeitar a quita é  un “disparate que non entende nin un só galego, nin unha soa galega”.

Por iso, a portavoz nacional referiuse a Rueda como “o presidente máis desleal da historia de Galiza porque pon ao PP por diante do País”. Neste sentido, recordou que o BNG chegou a un acordo cos populares no Parlamento hai menos dun ano precisamente para solicitar ao Estado unha quita da débeda.

“Que cambiou para mudar de posición? O que cambiou é a estratexia que lle marcan dende Madrid”, reprochou Pontón, quen tamén lembrou que foi o propio do Goberno do PP quen afirmara reiteradamente antes da reunión a importancia de negociar un modelo de financiamento.

“Pois hoxe perdeu a oportunidade de avanzar nun modelo de financiamento que sexa beneficioso para País”, denunciou, porque na vez de reivindicar un mellor financiamento foi ao encontro con Sánchez para deixar claro que non quere que Galiza teña “a chave dos seus cartos”, renunciando a un modelo que  xa ten Euskadi e o que vai conseguir Catalunya. Rueda renuncia a un mellor financiamento para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia.

“Hoxe Rueda foi a Madrid a rebaixar o status de Galiza como nación histórica e a querer que xoguemos en terceira división”, afirmou a líder nacionalista, quen tamén afeou ao PP a súa consideración de insolidaria a una redución da débeda, cando se mantivo calado mentres se rescataban as radiais madrileñas con 4.000 millóns de euros que tamén pagaron os galegos e as galegas.   

“Argumentos absurdos única e exclusivamente para intentar xustificar o inxustificable”, alegou, indicando que o encontro na Moncloa deixa un “retrato demoledor” dun presidente da Xunta que traballa para o PP e que, ademais, demostra a súa incapacidade para conseguir “absolutamente nada” para os galegos e as galegas, dado que acudiu á súa reunión con Sánchez “coa mesma carpeta de asuntos que na reunión de hai dous anos”.

Incapaz de negociar un mellor financiamento para Galiza e unha quita da débeda, Pontón destacou que Rueda adicou boa parte do seu tempo “a facer de comercial de Altri e das eléctricas”, reclamando financiamento para a macrocelulosa contaminante e para avanzar no espolio eólico,  deixando claro as súas prioridades e que intereses defenden.

Fronte a un Rueda que declarou que a débeda non era un problema, a portavoz nacional tirou de datos: Galiza triplicou os números vermellos cos gobernos do PP até acadar  os 14.297 millóns de euros e hoxe o pago da débeda é a terceira partida de gasto máis alta de todos os orzamentos despois da sanidade e a educación e ascende a 1.511 millóns en 2024.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG