Davila pide a Rajoy que disolva as Cortes, convoque eleccións e "de paso, disolva o PP e rexenéreo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, díxolle hoxe a Rajoy no pleno que “o BNG considera que a súa demisión non é suficiente. Debe disolver as Cortes e convocar eleccións anticipadas. De paso, disolva o seu partido e rexenéreo”.

As primeiras palabras da portavoz do BNG foron para as vítimas do terríbel sinistro ferroviario ocurrido en Angrois. “Expresamos a solidariedade do BNG coas súas familias, quedarán para sempre na nosa memoria, sobre todos dos galegos e galegas”.

“O bochorno é o seu e o do seu partido”

Lembrou a Raoy que “comparece hoxe en calidade de Presidente do Goberno pero tamén é presidente da súa formación política. Un partido en cuestión polo financiamento ilegal do seu partido”. Reprochou ao Presidente do Goberno que “estivese á defensiva, sen argumentos críbeis, negando a maior como nun auto de fe e plagado de ameazas, xogando á tan manida imaxe de España cando o bochorno é o seu e o do seu partido”.

Acusou a Rajoy de non dar resposta aos principais interrogantes como se “o seu partido se financia ilegalmente”. Preguntoulle se “os centos de millóns que aparecen como donacións de grandes empresas ao PP, recoñecidas abertamente por algunhas de elas, son agradecementos a cambio de contratacións por parte das administracións públicas?”.

A portavoz do BNG aludiu en concreto a unha das empresas que aparecen nos papeis de Bárcenas, ACS-Dragados. “Curiosa coincidencia”, dixo, porque na etapa de goberno de Aznar se lle adxudicou en marzo de 2004 a licitación do tramo no que se produciu o tráxico accidente de Angrois.

“Minte e non ten lexitimidade para exixir más sacrificios á sociedade”

Criticou que “se limitara a negar e só recoñecer que cometeu o erro de confiar no seu ex tesoreiro, ademáis de xogar coa imaxe da marca España cando é vosté quen está en cuestión”. Foi moi dura co Presidente do Goberno ao que lembrou as súas palabras negando calquer relación actual con Bárcenas desde que abandonou o PP. “Máis a realidade é terca e resulta estivo na sede de Génova ate hai pouco, e vosté intercambiou sms con el até este mesmo ano”.

Acusou a Rajoy de “mintir, enganou a toda a sociedade”. Censurou a súa actitude de hoxe porque “atentou contra os mais elementais principios democráticos, e incluso fixo gala de que nen siquera tería que vir a unha moción de censura. Despreza a esta Cámara, onde reside a soberanía popular, e despreza a toda a sociedade. Fala de plans de rexeneración democrático, empece por vosté mesmo e polo seu partido”.

“Disolva o seu partido e rexenéreo”

Aludiu tamén á situación do Tribunal Constitucional porque “que confianza se pode ter nun Constitucional presidido por unha persoa afiliada ao PP e que fixo labores de asesoría para o seu partido? O mínimo que podería facer é dimitir.

Puxo de manifesto que “vivimos unha grave crise económica pero tamén institucional e democrática”.

Davila censurou a Rajoy xa que “non ten lexitimidade para exixir máis austeridade e sacrificios á cidadanía”. Rematou pedindo eleccións anticipadas e a disolución do PP: “Como vosté dixo, estamos aquí para pedirlle responsabilidades políticas, e o BNG considera que a súa demisión non é suficiente, debe disolver as Cortes e convocar eleccións anticipadas. De paso, disolva o seu partido político e rexenéreo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG