O PP opúxose no Congreso á proposición do BNG para rebaixar o IVE ao sector da floricultura

DSC_0670O PP rexeitou esta tarde a proposición da portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que trasladaba á Cámara unha demanda xusta dun sector importante en Galiza, sobre todo na comarca do Baixo Miño: a necesidade de rebaixarlle o abusivo IVE do 21% aplicado á floricultura, á silvicultura e ás plantas ornamentais.

A deputada do BNG non aceitou a emenda presentada polo grupo popular porque non se comprometía a reducir o IVE, cousa que “non entendemos cando o mesmo Ministro Montoro transmitiu hai uns meses a representantes do sector que tiña intención de resolver este tema, recoñecendo ao mesmo tempo o grave erro que supuxo aumentar o IVE neste sector”. Reprochou ao PP que veña cunha emenda que só fala de manter un diálogo co sector para coñecer os seus problemas, sobradamente coñecidos.

“Non era isto o que agardábamos do partido que substenta o Goberno, sobre todo cando sabe do problema xerado a raíz de incrementarlles o IVE”, sinalou a deputada do BNG.

Non pode competir con Portugal, cun IVE máis reducido

Na súa intervención na Comisión, Davila afirmou que “entre os sectores económicos que se viron gravemente prexudicados pola suba do IVE ao 21%, atópase o sector produtivo da floricultura, das plantas ornamentais e da silvicultura. E aínda que non son productos de consumo de primeira necesidade, o Goberno non debería obviar a importanza desta actividade agraria na dinamización económica e na xeración de emprego, así como no asentamento de poboación en zonas rurais”.

Salientou a relevancia que esta actividade ten na comarca de O Baixo Miño, onde o impulso emprendedor da mocidade fixo posíbel unha industria que conta con 900 postos de traballo e que logrou un lugar no mercado internacional.

A parlamentar do BNG puxo de manifesto que “as arbitrarias medidas fiscais aplicadas polo Goberno a estos productos poden destrozar os logros acadados nos últimos anos e destruir centos de postos de traballo”, non só en Galiza senón en todo o estado. Denunciou o impacto que esta medida tivo na competitividade do sector da floricultura de O Baixo Miño así como doutras zonas do estado.

Enfróntanse a unha “auténtica competencia desleal posto que o IVE aplicado no resto de países da UE está entre o 8% e o 6%”. Sobre todo, sinala, no Baixo Miño non poden competir con Portugal que aplica un IVE do 8% despois de que o subira pero voltou a baixalo.

Ademáis, a deputada do BNG salientou que as comercializadoras do Baixo Miño xa están a sofrer os efectos desta competencia desleal porque os minoristas exixen os mesmos prezos. Sen esquecer que as súa vendas se reduciron nun 30%, e padecen o retraso na devolución do IVE por parte da Axencia Tributaria correspondente ás exportacións.

Sen esquecer que este sector traballa con liquidez porque tal e como explicou a deputada nacionalista, polo tipo de actividade da que se trata non teñen acceso aos créditos bancarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG