Davila presenta proposición no Congreso para que non se aplique un imposto sobre o viño

DSC_0671A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a ignorar por completo a proposta do Comité de Expertos que entre as súas medidas fiscais propón a aplicación dun novo imposto que grave o viño.

Unha medida, puntualiza, que prexudicaría gravemente ao sector produtor vitivinícola galego e do estado.

Davila traslada ao Executivo a grande preocupación existente entre o sector vitivinícola galego por algunhas das propostas contempladas no informe elaborado polo denominado Comité de Expertos para unha reforma fiscal. Sinala que unha das propostas é a de crear unha nova taxa que grave o viño, “algo que provocou un grande malestar entre o sector”.

“Non é a primeira vez que se intenta estabelecer este imposto, así como o intento de contemplar outras medidas que equiparen o viño con bebidas alcohólicas destiladas cando o viño está definido como un alimento na lexislación”, explica a deputada do BNG.

Galiza é unha zona importante de produción de viños

A deputada nacionalista destaca a importanza deste sector na Galiza onde existen cinco denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixa, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) ás que debemos sumar as tres indicacións xeográficas protexidas de viños da terra, como son o Barbanza e Iria, Betanzos e Valdemiño-Ourense.

Davila advirte das consecuencias negativas que tería para o sector vitivinícola a aplicación dunha taxa sobre o viño e demanda ao Goberno que rexeite este tipo de propostas, porque “de se levar a cabo, asestaríase un duro golpe a un sector que realiza importantes esforzos por competir no mercado internacional, e que nos últimos tempos tamén experimentou as consecuencias da crise económica pola caída na demanda. Está claro que en nada favorecería á competitividade dos viños galegos, así como doutros excelentes caldos do estado español”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG