Se o Bloque está, Galiza está!

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, pediu aos galegos e galegas que o 25 de maio se rebelen “contra esta Europa que nos esmaga” votando ao BNG porque o Bloque é, dixo, “o equipo da casa”.

No acto de arranque de campaña en Vigo, a candidata nacionalista denunciou que “as políticas da troika e da dereita róubanlle o futuro á xente” e provocan “emigración, paro e pobreza”. Por iso, invitou aos cidadáns a “rebelarse” e, xunto ao BNG, defender “o dereito a vivir dignamente en Galiza”.

Ana Miranda, que estivo acompañada do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, dixo que “O BNG é o equipo da casa e defende Galiza por riba de todo”. “Como fixemos sempre”, recalcou a candidata nacionalista, que lembrou que “o BNG foi a voz de Galiza no Parlamento Europeo, porque se o Bloque está, Galiza estᔠreafirmou en varias ocasións.

“Fomos a voz deste país no Parlamento Europeo, foi o BNG quen deu voz aos nosos gandeiros e produtores de leite, a pesca de baixura e ao marisqueo, ao sector naval de Vigo e de Ferrol, aos mariñeiros da frota cefalopodeira de Mauritania, aos estafados polas preferentes, aos que loitaron contra a megaminería contaminante, aos que reclamanban o saneamento integral das nosas rías. Porque se está o BNG, está Galiza”, repetíu.

“O PP quere silenciar aos que se rebelan”

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, referiuse ao “intento antidemocrático” da Xunta Electoral de “silenciar ao BNG” nos medios de comunicación públicos. “É un intento claro de censura co que se quere amordazar ao BNG para que non denuncie estas políticas europeas de recortes que está aplicando o PP en Galiza e no Estado”, afirmou Xavier Vence que dixo que “o PP quere silenciar aos que se rebelan”.

No reparto de tempos acordado pola Xunta Electoral para os medios públicos o BNG recibe o mesmo trato que o Partido Animalista, Partido dos Piratas, a Falanje Española de las JONS, Democracia Nacional ou Partido X. “A opción política que escolleron 103.000 galegos e galegas nas pasadas eleccións europeas non pode ser considera igual que calquera partido ata agora inexistente ou sen presenza no país”, dixo. “É un atentado contra a democracia”, afirmou. Por iso, dixo, “non imos quedar calados, porque os galegos e galegas teñen dereito a escoitar as propostas políticas do BNG nos medios públicos deste país”.

'Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos!'

O BNG abriu a campaña electoral do 25M na Praza da Ribeira do Berbés en Vigo, nun acto que deu comezo ás 23.30 horas coa actuación musical de Xurxo Souto, para dar paso ás intervencións de Miriam Rodríguez, candidata e integrante da Plataforma de estafados polas preferentes no Baixo Miño, Manuel Moreira, membro da candidatura e portavoz da Plataforma SOS-Sanidade de Vigo, o portavoz nacional, Xavier Vence, e a cabeza de lista da candidatura do BNG, Ana Miranda.

O acto concluiu coa tradicional pegada de carteis, sobre o escenario, baixo o lema Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos!

O Bloque ten programado medio centenar de actos e mitins ao longo dos 13 días de campaña, que sempre contarán coa participación da candidata, Ana Miranda, que xa ten realizado unha intensa actividade en precampaña con máis de 15.000 quilómetros percorridos por todo o país só nas dúas últimas semanas, con encontros con sectores produtivos e con colectivos e plataformas sociais de todo tipo como os afectados pola estafa das preferentes, os emigrantes retornados, as plataformas en defensa dos servizos públicos, como a educación e a sanidade, entre outros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG