Davila pide a Tejerina que corrixa de imediato os topónimos deturpados: "Cotobad" ou "Sangenjo"

DSC_0743A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que demanda ao Ministerio de Agricultura que corrixa de imediato os topónimos deformados que aparecen no mapa de presentación de actuacións no litoral de Pontevedra que o director de Costas exhibiu o pasado 18 de xuño.

O Nomenclátor oficial de Galiza está na web da Xunta

Davila critica “a resistencia da Administración Xeral do Estado en asumir o Nomenclátor de Galiza que se pode atopar na mesma web da Xunta”. E amosa o “total desconcerto do BNG por ver cómo nun mapa de Costas se usan formas toponímicas deturpadas como “Cotobad”, “Puenteareas”, “Sangenjo”, “Villanueva de Arosa”, entre outros.

Sinala a portavoz do BNG que “a castelanización da toponimia oficial galega raia no surrealismo porque chega ao nivel dunha deformación incluso dañina para a vista”. Pide ao Ministerio que preside Tejerina que “modifique canto antes as formas toponímicas galegas incorrectas e deturpadas”.

A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno en relación a este tema que “sobre o que o BNG leva anos batallando. Custa moito esforzo lograr que a Administración Xeral do Estado asuma e respecte a toponimia oficial de Galiza. “Como é posíbel que a Direción de Costas exhiba nunha presentación sobre actuacións no litoral de Pontevedra un mapa con topónimos deformados, castelanizados e que non se corresponden coa legalidade lingüística vixente?”

“Como se explica que se realice un acto deste tipo sen antes comprobar que se está a utilizar a toponimia oficial e correcta? Non supón este tipo de comportamentos un total desprezo á legalidade lingüística vixente? Vai dar instrucións pertinentes para que todos os organismos do Ministerio respecten escrupulosamente a toponimia oficial de Galiza?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG